Nova: A Xunta inviste 530.000 euros nos festivais de música a través da marca Fest Galicia e da convocatoria anual de subvencións
19/05/2024
A Xunta inviste 530.000 euros nos festivais de música a través da marca Fest Galicia e da convocatoria anual de subvencións
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reestrutura as liñas de apoio a este tipo de eventos de xestión profesional, en diálogo co sector e de xeito coordinado coas achegas doutros departamentos autonómicos
Destínanse 450.000 euros aos patrocinios vinculados a FEST Galicia para festivais organizados por entidades privadas entre o 15 de maio e o 30 de setembro
As axudas en concorrencia competitiva contan cunha achega de 80.000 euros, destinada integramente á contratación de bandas e artistas de Galicia en citas considerados estratéxicas e celebradas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2024 A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar de xeito simultáneo dúas das súas principais canles de apoio económico aos festivais profesionais de música de Galicia, que suman unha achega de 530.000 euros. Tanto a convocatoria para a formalización dos patrocinios baixo a marca FEST Galicia como a liña anual de subvencións introducen unha serie de modificacións nas bases como resultado dun proceso de diálogo co sector de cara a optimizar este investimento e facelo, ademais, de xeito coordinado co resto de departamentos da Xunta que tamén contribúen ao financiamento deste tipo de eventos.
No caso de FEST Galicia, o selo creado polo Goberno galego para agrupar festivais que difunden a imaxe da nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade, este ano destínanse 450.000 euros a contratos de patrocinio con entidades privadas que organicen encontros destas características entre o 15 de maio e o 30 de setembro. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 5 de xuño a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
Ademais da profesionalidade na súa xestión, os festivais que opten a esta convocatoria deberán ter formado parte da marca anteriormente, contar cun orzamento de execución na edición de 2023 superior aos 100.000 euros, programar cando menos dous grupos/solistas de Galicia, poñer á venda un mínimo do 95% das súas entradas ou estar adheridos ao programa Carné Xove, entre outros requirimentos.
Patrocinios de ata 70.000 euros
As bases establecen tres categorías diferentes de patrocinio, en función das que a achega económica da Xunta se sitúa nunha franxa máxima de entre 20.000 e 70.000 euros por evento.
A través de FEST Galicia búscase contribuír a crear valor engadido en festivais con características singulares e diferenciadoras, amosando ao tempo a diversidade e a pluralidade do talento musical e favorecendo a descentralización da oferta cultural.
Impulso á contratación artística galega
Pola súa banda, unha das principais novidades da liña anual de axudas a festivais de música, en réxime de concorrencia competitiva, refírese ao destino dos 80.000 euros convocados, que deben ser investidos exclusivamente na contratación artística das bandas e solistas de Galicia programadas polos eventos subvencionados.
Con esta medida búscase impulsar a presenza da música galega en citas consideradas estratéxicas para o sector, non só desde o punto de vista cultural senón tamén social, económico e turístico, promovendo ao tempo unha xestión máis profesional na súa organización.
Este apoio poderá solicitarse ata o 14 de xuño por parte de persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como de asociacións que teñan entre o seu obxecto social o desenvolvemento de festivais. Os festivais candidatos deberán celebrarse en datas comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024, ter unha duración mínima de dous días con cando menos cinco grupos/solistas en cartel, así como un orzamento igual ou superior aos 38.000 euros, do que un mínimo do 30% debe destinarse á contratación artística. Ademais, entre outros requirimentos, un 80% dos concertos programados deben ser con entrada de pago.
A través desta convocatoria, poderán concederse axudas de ata o 90% do orzamento subvencionable, cun límite de 10.000 euros por proxecto solicitante.