Nova: A Xunta axiliza a xestión das axudas de apoio á participación dos profesionais de libro en actividades fóra de Galicia
19/05/2024
A Xunta axiliza a xestión das axudas de apoio á participación dos profesionais de libro en actividades fóra de Galicia
O Diario Oficial de Galicia publica a edición de 2024 destas achegas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixidas a escritores, ilustradores, tradutores e editoras
Entre as novidades, atópanse a realización dunha única resolución de concesión e a precisión da cobertura de gastos incluídos na convocatoria
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2024 O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a nova convocatoria das liñas de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para apoiar os profesionais do sector do libro na súa participación en feiras e actividades do libro fóra de Galicia. Entre as principais novidades con respecto á do 2023, atópase a maior axilidade na súa xestión, á vez que recolle unha maior precisión na cobertura das accións subvencionables.
Como se indican nas bases destas axudas dirixidas a escritores, ilustradores, tradutores e editoras, redúcese o prazo de solicitudes, o que permite facer unha única resolución de concesión. Pola contra, no ano 2023 era unha convocatoria aberta con resolucións de concesións parciais. Deste xeito, a de 2024 supón maior axilidade na xestión.
Ademais, nesta edición debúllase o importe da indemnización por uso do vehículo por quilómetro e tamén se inclúe os gastos da peaxe debidamente xustificados, o que supón unha maior precisión e cobertura das accións subvencionables.
De igual xeito, esta nova convocatoria inclúe unha apertura con respecto á súa aplicación, xa que no ano 2023 para poder ser beneficiarios tiñan que desenvolver a súa actividade no sector do libro no ámbito da Comunidade Autónoma e contar cun departamento de edición ou tradución en Galicia antes do 1 de xaneiro do 2023. No entanto, nas deste ano, as persoas beneficiarias teñen que desenvolver a súa actividade no sector do libro maioritariamente no ámbito da Comunidade Autónoma e suprímese a esixencia de ter un departamento de edición ou tradución en Galicia.
Amplíase o prazo para a realización e pagamento dos gastos subvencionables
A convocatoria de 2024 tamén supón unha ampliación nos prazos de xustificación con relación o pasado ano, cando só contaban con cinco días desde a data de aceptación da axunta, fronte os 10 hábiles de agora. Outra das novidades, é que se lles dá maior facilidade para que as editoriais poidan designar as persoas que asistan ás actividades. Ao respecto, cómpre lembrar que en 2023 a entidade tiña que comunicar na solicitude o nome da persoa ou persoas asistentes e presentar un documento que acreditase a relación laboral coa entidade, mentres que agora este trámite farase na fase de xustificación.
Axudas para favorecer a creación e a promoción do libro galego
Con estas axudas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá apoio económico a aquelas persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, tales como feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas, como medio de favorecer a creación e a promoción do libro galego.
Deste xeito, facilítase a súa participación en actividades do libro fóra da comunidade no ano 2024 coa cobertura dos gastos de viaxe (aloxamento e transporte) que permitan a súa asistencia.
Solicitudes ata 1 de xullo
O financiamento, cun máximo de dúas actividades por solicitante, suporá unha axuda de 500 euros para as celebradas en España. No caso do resto de Europa a cifra ascende a 900 euros e para as actividades celebradas no resto do mundo a contía será de 1.600 euros.
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, e os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 1 de xullo de 2024.
Estas axudas enmárcanse no Plan de impulso ao libro galego aprobado recentemente dentro do Plan Xeración Cultura cunha batería de medidas para apoiar aos profesionais e crear e fidelizar lectores. Entre os seus eixos de actuación inclúese a internacionalización e proxección exterior como un dos pilares.