Nova: A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do XI Festival Bal y Gay, que celebrará doce concertos en espazos singulares da Mariña lucense

21/05/2024

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do XI Festival Bal y Gay, que celebrará doce concertos en espazos singulares da Mariña lucense

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor este certame pola calidade da súa programación e por permitir descubrir espazos do patrimonio cultural e natural de Galicia

Do 8 ao 23 de agosto ofrecerá propostas con recoñecidos artistas con repercusión internacional, como Elias String Quartet, Sergey Kachatryan, Katharina Konradi, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Musica Ficta ou Ruth Iniesta, entre outras figuras

Madrid, 21 de maio de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á presentación na Casa de Galicia en Madrid do XI Festival Bal y Gay, que celebrará do 8 ao 23 de agosto un total de 12 concertos de figuras internacionais da música clásica en espazos singulares da Mariña lucense: Foz, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Cervo, Lourenzá, Barreiros e Alfoz.

O Festival Bal y Gay, referente en España por ofrecer a mellor música clásica en escenarios patrimoniais singulares,  ofrecerá nesta edición propostas con recoñecidos artistas a nivel internacional, como Elias String Quartet, Sergey Kachatryan, Katharina Konradi e tamén de prestixiosas formacións e músicos con repercusión mundial, como  Orquestra Sinfónica de Galicia, Musica Ficta, Nereydas, Cuarteto Cosmos, Ruth Iniesta, Martín García García e Orquestra Sinfónica del Principado de Asturias. Os abonos están dispoñibles en festivalbalygay.com.

Na presentación, na sede institucional da Xunta en Madrid, estiveron presentes Alba Rodríguez, directora do Festival Bal y Gay; Enrique Rodríguez Baixeras, presidente da Fundación Xesús Bal y Gay; e Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que o Goberno galego renova cada edición o seu compromiso con este festival ao que felicitou polo seu traballo pola “alfabetización cultural a través de la música clásica”, ao tempo que puxo en valor que estes concertos e as actividades do ciclo permiten coñecer espazos singulares del patrimonio cultural e natural de Galicia.

“Os obxectivos do festival están plenamente aliñados coa aposta da Administración autonómica por fomentar o acceso e a participación da cidadanía na cultura, procurando unha oferta cultural diversa e de calidade”, salientou o Anxo M. Lorenzo, quen asegurou que a calidade da súa programación “o converte nun referente da música clásica do norte de España”.

Primeiro concerto en Foz e clausura na catedral de Mondoñedo

Elias String Quartet, un dos grandes cuartetos de Europa con máis de 25 anos de traxectoria, inaugurará o festival o 8 de agosto no Pazo do Conde de Fontao de Foz, mentres que o violinista armenio Sergey Khachatryan, interpretará no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo, xunto á pianista Lusine Khachatryan, un concerto dedicado a Luisa Villalta, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024.

A clausura do XI Festival Bal y Gay será coa Orquestra Sinfónica de Galicia, o 23 de agosto, na Catedral de Mondoñedo coa dirección de José Miguel Pérez-Sierra, director musical del Teatro de la Zarzuela de Madrid, e a presenza do violonchelista colombiano Santiago Cañón-Valencia.

Comparte