Nova: López Campos convida a redescubrir a historia da Real Academia Galega de Belas Artes coa nova exposición "Os traballos de Hércules"
23/05/2024
López Campos convida a redescubrir a historia da Real Academia Galega de Belas Artes coa nova exposición "Os traballos de Hércules"
O Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira acolle ata o 24 de xuño esta mostra que reúne 16 gravados orixinais pertencentes á colección da institución
O conselleiro de Cultura destaca “a importancia das entidades culturais na preservación da cultura galega, neste caso nas artes gráficas”
Ribeira (A Coruña), 23 de maio de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, convidou a redescubrir a historia da Real Academia Galega de Belas Artes coa exposición Os traballos de Hércules que inaugurou hoxe no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira. Trátase dun proxecto itinerante enmarcado na celebración do 175 aniversario da Real Academia de Belas Artes que reúne 16 gravados orixinais pertencentes á colección da institución.
Na inauguración, o responsable autonómico de Cultura destacou “a importancia das entidades culturais na preservación da cultura galega”. Nomeadamente, referiuse ao museo de Ribeira e o destacado labor que fan “recollendo a nosa historia nas artes gráficas”. Neste senso, o representante do Goberno galego felicitou á Real Academia Galega de Belas Artes, que inicia con esta proposta a celebración do seu 175 aniversario e gabou “a iniciativa de achegar as súas coleccións a diversos puntos de Galicia”.
As obras expostas foron copiadas da serie de pinturas ao fresco que o artista italiano Luca Giordano realizou no S.XVII nunha das salas do Palacio do Bo Retiro de Madrid por encargo de Carlos II. Entre as aventuras de Hércules que se representan nas pezas aparece a lenda co xigante Xerión ao que venceu na Coruña, triunfo en honor ao que se construíu a famosa Torre herculina.
Ademais do conselleiro, no acto tamén estivo a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o presidente da Fundación do Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, Luis Antonio Pérez Barral, e o comisario da exposición, José Ramón Soraluce.
A orixe dos gravados dedicados a Hércules
O mitolóxico Hércules tivo unha importante presenza na tradición e nas lendas sobre a monarquía hispana. Xa na Idade Media se coñece a súa presenza en España, recreando e ampliando as fazañas realizadas polo heroe na Península durante os seus famosos Doce Traballos.
Durante o reinado de Felipe IV encargouse ao pintor estremeño Zurbarán a realización dunha serie de pinturas ao óleo co tema dos Traballos de Hércules, que decoraron o Salón de Reinos do Palacio do Bo Retiro en Madrid. Estas pinturas de 1634 están no Museo do Prado. Posteriormente, o rei Carlos II quixo decorar un dos salóns do mesmo Palacio encargando pinturas ao fresco ao artista italiano Luca Giordano coa mesma temática sobre Hércules.
Os frescos foron restaurados no S.XVIII polo pintor José del Castillo e copiados en cadros ao óleo, conservados na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. A partir destes óleos creáronse os gravados para a Calcografía Nacional, que son os que se atopan na Colección de Gravados propiedade da Real Academia Galega de Belas Artes.