Nova: As II Xornadas da Academia Galega de Teatro abordan co apoio da Xunta o sistema de programación escénica no marco local

24/05/2024

As II Xornadas da Academia Galega de Teatro abordan co apoio da Xunta o sistema de programación escénica no marco local

Máis de 30 persoas asisten ao encontro, que se desenvolve no Pazo de Mariñán ata mañá sábado

Baixo o título ‘O deseño das programacións teatrais galegas. Na procura dun modelo cooperativo’, proponse un proceso de diálogo entre responsables culturais de entidades locais e as principais compañías de teatro do país

Bergondo (A Coruña), 24 de maio de 2024

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolle hoxe a sesión de apertura das II Xornadas da Academia Galega de Teatro, que contan co apoio económico da Xunta de Galicia para a súa celebración arredor do debate sobre o actual sistema de programación escénica que se lle ofrece ao público desde as entidades locais galegas. 

No acto participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, ademais de Imma Antonio, presidenta da Academia Galega de Teatro; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; e Carlos Lorenzo, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.

O director das Industrias Culturais definiu como un “exercicio de responsabilidade” contribuír a facer realidade as iniciativas que parten dos colectivos que vertebran o sector cultural. “Sobre todo cando os seus proxectos conflúen nos nosos mesmos obxectivos de impulsar e favorecer os distintos ámbitos das nosas manifestacións culturais, por canto poden achegar de positivo na súa relación tanto cos axentes profesionais como con toda a cidadanía”, engadiu.

Referiuse, ademais, á relevancia do debate de fondo que propón este foro, polas implicacións que van máis do mere peche de contratacións artísticas: “estamos a considerar tipos de propostas cara a cada público, a intervir na continuidade da actividade das compañías ou a posibilitar a difusión de determinadas mensaxes ou causas sociais cara ao público. Por iso é de crucial importancia que ese labor de programación se faga coa máxima solvencia e compromiso cos nosos valores”. 

Cara a un modelo cooperativo 

Máis de 30 persoas participan nas sesións, que se desenvolven hoxe e mañá baixo o lema O deseño das programacións teatrais galegas. Na procura dun modelo cooperativo. O programa de faladoiros e sesións de debate a cargo de axentes culturais de varias entidades locais con responsabilidades na programación de espectáculos escénicos e representantes das principais empresas do sector. A proposta deste encontro parte da necesidade de buscar un modelo estable nas carteleiras de teatro que se levan a cabo desde as administracións locais na procura dun sistema que dea solución á realidade complexa e diversa que existe na actualidade. Neste sentido, a Academia Galega de Teatro pretende xerar un espazo de pensamento e diálogo para reflexionar sobre a necesidade de establecer políticas claras que podan aplicar en todo o territorio galego, facilitando un conxunto de ferramentas que permitan a evolución no marco das artes escénicas en xeral, e do teatro en particular.

Programa das xornadas

Para a tarde de hoxe están programados dous faladoiros moderados por polo director tearal Xavier Castiñeira, e o presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e técnico de Cultura do Concello de Carral, Carlos Lorenzo. O primeiro debate centrarase nos distintos modelos de compañías de artes escénicas e a súa relación co deseño das programacións teatrais galegas. Participarán no coloquio as compañías Furia Sotelo, Pista Catro, Amorodio Teatro, Ibuprofeno Teatro, Chévere, Caramuxo Teatro, Títeres Cachirulo, Teatro do Atlántico, e haberá tamén representación da asociación profesional Escena Galega. 

A continuación, o foco dirixirase sobre os modelos de espazos de programación e a súa influencia no deseño das programacións de teatro, nunha palestra na que debaterán Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro de A Coruña; María José Vázquez, técnica de Cultura do Concello de Ames; Carlos Varela, técnico de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa; Neves Lema, técnica de Cultura do Concello de Vimianzo; Marcos Martínez, coordinador de actividades xuvenís do Concello de Sada; Daniel Loza, técnico de Cultura do Concello de Betanzos; e Madó Santos, que foi técnica de Cultura no Concello de Muros.

Para a xornada de maña sábado está prevista unha xuntanza das persoas asistentes na que se elaborarán as conclusións extraídas destes procesos de diálogo, que serán expostas como peche do encontro.

Comparte