Nova: A Catedral de Santiago e o mosteiro de San Martiño Pinario exhibirán a partir do 13 de xuño a arte sacra da exposición itinerante Las edades del hombre
24/05/2024
A Catedral de Santiago e o mosteiro de San Martiño Pinario exhibirán a partir do 13 de xuño a arte sacra da exposición itinerante Las edades del hombre
A Xunta de Galicia colabora coa Fundación Las Edades del Hombre na celebración da XXVII edición desta mostra, que este ano terá dobre sede compartida con Villafranca del Bierzo
López Campos enxálzaa como un dos “fitos culturais do ano” e destaca a atinada elección destes dous “enclaves simbólicos” xa que están unidos por un patrimonio con “vencellos fraternais” a través do Camiño de Santiago
Permitirá gozar dunhas 170 pezas de artistas de renome, como Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete ou Alejo de Vahía
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2024
A Catedral e o mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela exhibirán a partir do 13 de xuño unhas 170 pezas de arte sacra realizas por artistas de renome como Murillo ou Salvador Carmona, que forman parte da exposición itinerante Las edades del hombre. Hospitalitas. Este ciclo expositivo chega á súa vixésima sétima edición contando por vez primeira cunha dobre sede, que será compartida con Villafranca del Bierzo nos espazos da igrexa de Santiago e a colexiata de Santa María.
Na presentación da sede en Santiago participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xa que a Xunta de Galicia colabora con la Fundación Las Edades del Hombre na celebración da edición desta mostra, que ao longo dos seus 26 anos de historia ten sido exhibida en diferentes territorios, como Bélxica e Estados Unidos, entre outros, acadando 12 millóns de visitantes; cun total de 5.228 pezas de arte e a restauración doutras 2.000.
López Campos enxalzou esta mostra como un dos “fitos culturais do ano” e destacou a atinada elección de sede compartida entre Santiago e Villafranca del Bierzo ao considerar que ambas cidades representan “importantes enclaves simbólicos”, xa que remarcou que están unidas por un patrimonio con “vencellos fraternais” a través do Camiño de Santiago.
Na súa intervención, o conselleiro puxo en valor a colaboración coa prestixiosa Fundación Las Edades Del Hombre, que encadrou dentro das accións que tanto desde Galicia como desde Castela e León se levan a cabo para preservar e difundir o patrimonio cultural, ao que erixiu como “elemento clave na configuración da identidade dos pobos” e fixo fincapé no feito da irmandade que supón para ambas as dúas autonomías formar parte da Ruta Xacobea.
López Campos tamén incidiu no factor dinamizador que supón na economía dun territorio contar cun rico patrimonio cultural, á vez que o interese e atractivo turístico que esperta.
O acto de presentación contou coas intervencións do arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; o secretario xeral da Fundación Las Edades del Hombre, José Enrique Martín Lozano, e Ramón Yzquierdo, un dos comisarios de Hospitalitas.
Unhas 170 pezas de gran valor na arte sacra
A cripta do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago e o mosteiro de San Martiño Pinario acollerán ao redor de 170 obras provenientes das diocese de Galicia e Castela e León, así como de museos nacionais e rexionais, galerías e colecciones privadas, tamén de procedencia estranxeira.
As persoas visitantes á exposición poderán desfrutar das obras de arte sacra de gran valor, autoría de grandes artistas do patrimonio español, como o son Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete o Alejo de Vahía, que compartirán espazo con outras pezas contemporáneas e instalacións inmersivas e experiencias de realidade virtual.
O responsable de Cultura do Goberno galego remarcou o axeitado destes dous espazos. No caso da cripta, lembrou que o foi a solución arquitectónica concibida polo mestre Mateo dentro do proxecto do Pórtico da Gloria. E respecto ao Mosteiro de San Martiño Pinario, enxalzou que constitúe xunto á catedral “o máis valioso conxunto de barroco galego”.
O comisariado da exposición na capital galega está integrado polo director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e o director técnico-conservador do Museo desta mesma catedral, Ramón Yzquierdo.
Hospitalitas
Las edades del hombre viaxa a Santiago cun proxecto centrado na hospitalidade, reflectindo a importancia que no Camiño de Santiago este valor e que, por tanto, se incorpora para esta edición ao título da mostra.
O fío condutor basearase nas palabras do Libro V do Códice Calixtino, a primeira guía do Camiño, nas que se refire á hospitalidade, caridade, acollida e solidariedade. Estes termos están recollidos no Scripotrium compostelán impulsado polo Arcebispo Xelmírez que continúan a ter vixencia no ámbito das peregrinacións a Compostela.
Música composta ex profeso para esta edición
Cada edición de Las edades del hombre conta coa súa propia música, realizada de maneira específica para a exposición. A banda sonora de Hospitalitas está composta por David Rivas, músico zamorano, co obxecto de completar o discursos narrativo desenvolvido na selección de obras. Deste xeito, compuxéronse 33 pezas que acompañan as nove estancias cunha duración total de 130 minutos.