Nova: Patrimonio autoriza ao Concello de Santiago incluír o mural de Lugrís no plan especial da cidade histórica
27/05/2024
Patrimonio autoriza ao Concello de Santiago incluír o mural de Lugrís no plan especial da cidade histórica
O departamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude informa favorablemente á modificación puntual solicitada polo Concello
O obxectivo é garantir a conservación e protección desta pintura localizada no número 56 da rúa do Franco
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024
A Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia acaba de autorizar ao Concello de Santiago a modificación do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela para incorporación no seu Catálogo, como elemento específico, á pintura mural de Urbano Lugrís, realizada en 1954 e que está situada no baixo dun inmoble da rúa do Franco.
Esta autorización por parte do departamento de Patrimonio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá resposta á petición realizada polo Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de garantir a conservación e protección desta pintura.
Cómpre recordar que a Lei do patrimonio cultural de Galicia establece que todos os plans, programas e proxectos relativos a ámbitos como a paisaxe, o desenvolvemento rural ou as infraestruturas ou calquera outro que poida supoñer unha afección ao patrimonio cultural de Galicia pola súa incidencia sobre o territorio debe ser sometidos ao informe da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.
Esta pintura mural, situada na planta baixa dun inmoble, é obra dun dos artistas galegos máis destacados do século XX e é o último exemplo dos que Urbano Lugrís pintou na capital de Galicia que aínda se conserva no lugar no que foi realizado, e que forma parte do patrimonio artístico galego; polo que a Dirección Xeral de Patrimonio decidiu valorar de xeito positivo a súa inclusión no ámbito de protección municipal da cidade histórica.