Nova: GaliciaLe leva rexistrados máis de 7.000 préstamos de libro electrónico nas bibliotecas públicas

20/04/2015

GaliciaLe leva rexistrados máis de 7.000 préstamos de libro electrónico nas bibliotecas públicas

Presentouse en Redondela esta nova ferramenta, dispoñible en www.galiciale.es, que supón un camiño novo na accesibilidade universal da cidadanía aos recursos culturais

  • GaliciaLe leva rexistrados máis de 7.000 préstamos de libro electrónico nas bibliotecas públicas GaliciaLe leva rexistrados máis de 7.000 préstamos de libro electrónico nas bibliotecas públicas
  • Logo de GaliciaLe Logo de GaliciaLe

Redondela (Pontevedra), 20 de abril de 2015.- A plataforma para o préstamo de libro electrónico nas bibliotecas públicas de Galicia, GaliciaLe, rexistrou un total de 7.442 préstamos desde a súa posta en marcha pola Xunta de Galicia, o 20 de outubro de 2014, ata o pasado 17 de abril. O dato dábao a coñecer esta tarde en Redondela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no acto de presentación desta ferramenta, que supón, segundo dixo, “un novo camiño na accesibilidade da cidadanía aos recursos culturais, en concreto ao libro dixital, de forma universal e gratuíta”.

“Sen podermos predicir cal vai ser o peso real que terá no futuro a lectura en formato dixital fronte á lectura en papel, o certo é que a necesidade de contarmos con recursos culturais electrónicos non é unha cuestión de mañá, senón absolutamente presente”, afirmou o secretario xeral, quen asegurou que “o servizo bibliotecario é determinante para garantir un acceso igualitario á información e á cultura”.

Máis de 1.700 títulos
A plataforma GaliciaLe constitúe unha nova porta de acceso a eses contidos culturais e informativos. A través dela, “ábrense as fiestras para o acceso igualitario dos usuarios e das usuarias das bibliotecas a máis de 1.700 títulos neste momento”, explicou Anxo Lorenzo, que estivo acompañado na presentación polo alcalde de Redondela, Javier Bas, e mais polo concelleiro de Cultura e Turismo do municipio, Julio Alonso, no marco da celebración da Semana do Libro de Redondela

Con este novo servizo en liña para o préstamo de libro electrónico, accesible as 24 horas do día de calquera día do ano, ofrécese un catálogo amplo – que inclúe eBiblio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte- composto por libros e audiolibros en galego e en castelán, álbums ilustrados, que se poden ler en dispositivos compatibles como tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.

Como ser usuario/a de GaliciaLe
Para facer uso deste novo servizo soamente é necesario ter o carné de lector ou lectora dalgunha das bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, conexión a internet e rexistrarse na plataforma virtual para obter as claves de acceso. O usuario ou usuaria poderá tomar en préstamo ata un máximo de catro libros (dous no do libro en galego e dous no do libro en castelán) durante un prazo máximo de 21 días. Se a obra ou obras que se buscan están prestadas, poderanse solicitar en reserva (ata un máximo de dúas).

Unha vez realizado o préstamo, o usuario poderá optar pola lectura en liña ou descargar o libro electrónico en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e/ou lectores electrónicos.

Préstamo de dispositivos lectores
Xunto coa plataforma GaliciaLe, as bibliotecas públicas xestionadas pola Consellería de Cultura e Educación relanzaron recentemente o seu servizo de préstamo de dispositivos lectores de libros electrónicos, coa renovación de dispositivos, nuns casos, e, noutros, coa incorporación por vez primeira desta oferta, como na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo, que ofrece este préstamo desde o pasado mes de marzo.
 

Comparte