Nova: A Xunta convoca o VII Premio de Innovación Bibliotecaria que recoñece as boas prácticas dos municipios en prol da lectura

28/05/2024

A Xunta convoca o VII Premio de Innovación Bibliotecaria que recoñece as boas prácticas dos municipios en prol da lectura

Dirixise a concellos integrados na Rede Pública de Bibliotecas de Galicia en dúas categorías: ata 10.000 habitantes e cunha poboación superior

Valorarase a novidade e a orixinalidade dos proxectos desenvolvidos para mellorar as competencias lectoras e dixitais da cidadanía

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de convocar unha nova edición, a sétima, do Premio de Innovación Bibliotecaria de Galicia para recoñecer os proxectos desenvolvidos polas bibliotecas municipais para o fomento da lectura e das competencias dixitais da cidadanía. 

O galardón, ao que poden concorrer os concellos que sexan titulares de equipamentos integrados na Rede de Bibliotecas Públicas da Xunta, ten como obxectivo impulsar e visibilizar as propostas de carácter innovador e as boas prácticas levadas a cabo por estas entidades locais, valorando a súa orixinalidade.

Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, establécense dúas categorías, dotadas cada unha delas cun premio de 3.000€, en función da poboación do concelllo onde se asente a biblioteca: unha para as entidades locais cunha poboación de ata 10.000 habitantes e outra para municipios que superen esta cifra. Desta maneira, preténdese favorecer a participación de pequenas bibliotecas que, por contar con recursos máis limitados, puideran atopar dificultades para presentarse xunto con grandes centros. 

Prazo ata o 28 de xuño

O prazo de presentación para optar ao Premio remata o 28 de xuño e cada entidade local poderá concorrer cun máximo de dous proxectos ou boas prácticas postas en marcha por bibliotecas ou axencias de lectura da súa titularidade.

As propostas terán que estar xa executadas e estar relacionadas co fomento da lectura, a aprendizaxe ao longo da vida e a adquisición de competencias dixitais, a cohesión social e a participación cidadá, a posta en funcionamento de novos servizos ou a redefinición dos existentes e a difusión do funcionamento da biblioteca.

Comparte