Nova: A directora xeral de patrimonio cultural pon en valor o Camiño de Santiago nun congreso celebrado en Zaragoza

29/05/2024

A directora xeral de patrimonio cultural pon en valor o Camiño de Santiago nun congreso celebrado en Zaragoza

Mª del Carmen Martínez participa nunha xornada organizada polo  Goberno de Aragón na que estivo acompañada polos seus homólogos de Castela e León, A Rioxa e Navarra

Zaragoza, 29 de maio de 2024

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, participou hoxe en Zaragoza na xornada Patrimonio Cultural Aragonés. El valor de nuestras raíces, á que foi convidado o Goberno galego xunto co de Castela e León, A Rioxa e Navarra para tomar parte nunha mesa redonda. Os responsables de patrimonio das tres Comunidades, xunto coa anfitrioa, puxeron en común cuestións relacionadas co Camiño de Santiago.

Neste senso, a directora xeral de Patrimonio Cultural destacou a importancia de que se fale de Galicia e cause interese neste tipo de foros en calquera parte do Estado. Así, dixo, “reafirmase o seu papel na historia e na cultura máis alá das súas fronteiras, cun Camiño de Santiago que supón unha manifestación tan singular do patrimonio cultural tanto material como inmaterial, dando valor a un conxunto de territorios”.

A programación da xornada xira ao redor da visibilización do patrimonio cultural e as súas posibilidades, dando boa conta da relevancia da Ruta Xacobea, nas súas distintas variantes, como un elemento fundamental dese patrimonio.

Comparte