Nova: Anxo M. Lorenzo anima á cidadanía a gozar da cultura na Feira do Libro de Ourense

05/06/2024

Anxo M. Lorenzo anima á cidadanía a gozar da cultura na Feira do Libro de Ourense

O director xeral de Cultura participa na inauguración da quinta parada do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

Ata o sábado están previstas unha trintena de actividades entre presentacións de obras, sinatura de libros ou propostas para o público infantil

Ourense, 5 de xuño de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da Feira do Libro de Ourense, quinta parada do circuíto posto en marcha pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia que este ano percorre 13 localidades ata o mes de agosto.

No acto de apertura, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude quixo animar a toda a cidadanía a achegarse a esta cita no parque de San Lázaro e gozar da cultura. “En Galicia contamos cun gran panorama literario con infinidade de xéneros e obras para todas as idades que debemos aproveitar e promocionar”

Neste senso, agradeceu a implicación do sector na celebración desta cita que  contará cunha trintena de actividades para todos os públicos. “Grazas ao traballo de todos os profesionais por facer posible que esta feira conte cun amplo programa para todos os públicos que serven para apoiar e acompañar ao sector”.

Calendario ata agosto

A Feira do Libro de Ourense sitúase no parque de San Lázaro ata o sábado 8 de xuño coa participación de catro librarías. Para estes días están previstas máis de vinte sinaturas de libros, sete presentacións, actuacións musicais, obradoiros, recitais e actividades infantís.

Tras o seu paso por Ourense, o calendario continuará ata agosto con paradas en Redondela (do 13 ao 16 de xuño), Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 11 ao 14 de xullo), Rianxo (do 24 ao 27 de xullo), A Coruña (do 1 ao 10 de agosto), Viveiro (do 12 ao 15 de agosto), Foz (do 16 ao 19 de agosto) e Monforte de Lemos (do 21 ao 24 de agosto).

Comparte