Nova: ‘Atardecer no Gaiás’ programa 16 citas musicais ao aire libre con ritmos urbanos e latinos, ‘neo-tradi’, pop e electrónica para os seráns de xullo e agosto

14/06/2024

‘Atardecer no Gaiás’ programa 16 citas musicais ao aire libre con ritmos urbanos e latinos, ‘neo-tradi’, pop e electrónica para os seráns de xullo e agosto

O cartel inclúe sete grupos galegos: De Ninghures, Flow do toxo, A Pedreira, Amoebo, Alana, ALARIDO e Santi Araújo, que demostran a variedade do talento musical do país

Actuarán tamén artistas estatais e internacionais como o portugués Branko, o combo arxentino-brasileiro Mandale Mecha, o popular rapeiro canario Lucho RK ou as bandas emerxentes Naked Family, Faneka e Bewis de la Rosa, entre outras

O ciclo de concertos impulsado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura co apoio de Cervezas Alhambra decorrerá os xoves e venres do 4 de xullo ao 30 de agosto

Todos as actuacións serán na Praza central do Gaiás a partir das 21,00 horas, con entrada de balde

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024

A Xunta de Galicia deu a coñecer hoxe o cartel da décimo terceira edición do ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, cita consolidada no verán para os amantes da música en vivo. Nesta ocasión son 16 as propostas gratuítas para gozar ao aire libre na Cidade da Cultura, cun programa diverso no que teñen cabida os estilos que máis están a soar entre o público novo, como o rap, o neo-tradi, o pop —nas súas vertentes indie e electrónica— e os ritmos tropicais.

As actuacións serán os xoves e venres do 4 de xullo ao 30 de agosto (agás os días 25 e 26 de xullo) na Praza central do Gaiás, con inicio ás 21,00 horas. O popular rapeiro canario Lucho RK será o encargado de inaugurar o ciclo, que pechará o electropop da madrileña Rocío Saiz presentando o seu último disco, Autoboicot y descanso.

No cartel de Atardecer no Gaiás conviven artistas de longo percorrido como o DJ e produtor portugués Branko ou os galegos ALARIDO, Santi Araújo e A Pedreira —proxecto en solitario da cantora e compositora Ugia Pedreira— con grupos novos para os que actuar na Cidade da Cultura é unha oportunidade de darse a coñecer. O trío Alana, gañadores do certame Xuventude Crea 2023 na categoría de Música, e De Ninghures, que levaron o premio aRi[t]mar á mellor canción galega o ano pasado, son dous exemplos.

Escaparate do talento galego

Atardecer no Gaiás mantén a súa aposta por promocionar o talento musical de Galicia incluíndo sete artistas e bandas do país no seu programa desta edición, que conta co apoio de Cervezas Alhambra en liña co seu compromiso de apoiar todas aquelas experiencias únicas que invitan a gozar sen présa e dedicando a cada cousa o tempo que merece.

Ademais das xa mencionadas A Pedreira, ALARIDO, Santi Araújo, De Ninghures e Alana, subirán ao escenario do Gaiás as reivindicativas rapeiras Flow do Toxo e Amoebo co seu proxecto de reconstrución da verbena galega a base de ritmos latinos e pop dos anos 80.

Entre as propostas que se escoitarán na Cidade da Cultura este verán están tamén as cancións mestura de pop e punk dos madrileños Carrera Blanca, a cumbia urbana de Cosmic Wacho, creada desde Málaga polo español Alejandro Domínguez e o arxentino Franco Felice, e a simbiose entre folclore e progresivo que constrúen Faneka desde Cataluña.

Completa o programa o rap rural de Bewis de la Rosa —que xa pisou escenarios como o do Sziget de Budapest, un dos maiores festivais musicais e culturais de Europa—, a psicodelia pop-rock da banda madrileña Naked Family e a dinámica fusión de electrónica, jazz e ritmos latinos do grupo arxentino-brasileiro Mandale Mecha, gañadores da convocatoria Ibermúsicas 2023 organizada pola Secretaría General Iberoamericana.

Comparte