Nova: A Cidade da Cultura ofrecerá mochilas vibratorias no Día da Música para achegar esta experiencia a persoas con discapacidade auditiva

17/06/2024

A Cidade da Cultura ofrecerá mochilas vibratorias no Día da Música para achegar esta experiencia a persoas con discapacidade auditiva

A medida enmárcase nas iniciativas da Xunta para acadar os obxectivos que se recollen na Lei de Cultura Accesible e Inclusiva de Galicia

O día do concerto de Budiño instalarase un punto onde as persoas interesadas en probar os equipos contarán con asistencia técnica e unha intérprete en lingua de signos 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024

A Cidade da Cultura de Galicia disporá no concerto de Budiño —programado para o Día da Música— de mochilas vibratorias equipadas con tecnoloxía para mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva. A medida enmárcase nas iniciativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para acadar os obxectivos da futura Lei de Cultura Accesible e Inclusiva de Galicia.

O venres 21 de xuño, día do concerto, o Gaiás disporá na súa Praza central dun Punto de Accesibilidade onde as persoas interesadas en probar esta tecnoloxía poderán facer uso de seis equipos, contando con asistencia técnica e coa axuda dunha intérprete de lingua de signos para facilitar o seu manexo.

As mochilas están equipadas cun receptor FM que permite ás persoas sentir no seu corpo as vibracións da música, facilitando que gocen dunha mellor experiencia musical. A tecnoloxía mellora tamén a calidade da escoita das persoas con audiófonos ou con implantes cocleares xa que, a través dun colar conectado á mochila, o son se traslada limpo de ruído ambiente á prótese auditiva.

O uso destas mochilas súmase a outro tipo de iniciativas coas que a Cidade da Cultura está a traballar para mellorar a súa accesibilidade, moitas delas en colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, como a organización de visitas comentadas ás exposicións con intérpretes en lingua de signos ou a elaboración de material audiovisual para este colectivo.

A Xunta de Galicia celebra na Cidade da Cultura o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño. O gaiteiro virá acompañado para a ocasión dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica.

Comparte