Nova: A Xunta colabora coa fundación SGAE na celebración dun Día Europeo da Música con acento galego
18/06/2024
A Xunta colabora coa fundación SGAE na celebración dun Día Europeo da Música con acento galego
Carolina Rubirosa, Gargantúa, De Vacas, Carlos Ares e o DJ set de Abraham Boba son as propostas escollidas para representar a diversidade musical do país na xornada festivaleira que terá lugar o vindeiro 21 de xuño
Os concertos de ‘Acento. Día da Música’ desenvolveranse no adro da sede SGAE, en Santiago de Compostela, con acceso libre para o público
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024
A música galega e en galego é a protagonista do festival Acento, programado pola Fundación SGAE no adro da súa sede de Santiago de Compostela para o vindeiro 21 de xuño, cun cartel que conta coas actuacións de Carolina Rubirosa, Gargantúa, De Vacas, Carlos Ares e o DJ set de Abraham Boba. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, apoia a quinta edición desta cita, que reivindica o uso do galego como lingua de expresión artística, ao tempo que conmemora o Día Europeo da Música con cinco propostas que recollen a variedade e calidade da nosa escena musical actual.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do evento xunto ao presidente do Consello Territorial da SGAE, Teo Cardalda, e a Paula Romero e Guillerme Fernández, integrantes do grupo De Vacas. Na súa intervención, Sutil subliñou a pertinencia desta iniciativa que a Xunta de Galicia apoia desde a súa primeira edición como parte da súa estratexia de promoción da industria e do talento musical do país, con especial énfase no potencial da música escrita no noso idioma, que describiu como “un dos nosos principais sinais de identidade no mundo e unha marca que nos diferencia e nos posiciona no mercado global da música”.
O director das Industrias Culturais asegurou que é necesario reivindicar a singularidade e calidade das nosas músicas, e darlles voz e visibilidade nunha xornada tan sinalada como o Día Europeo da Música, nunha acción que se integra nas políticas de fomento cara ao sector impulsadas polo Goberno galego a través dos circuítos da Rede Galega de Música ao vivo, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ou Cultura no Camiño. Neste sentido, citou tamén as axudas e patrocinios da Xunta para apoiar a celebración de festivais de música; ou a colaboración con convocatorias estratéxicas como o mercado das músicas entre Galicia e Portugal (MUMi), a celebración dos Premios Martín Códax da Música, entre outras.
Sutil lembrou que ao longo das edicións anteriores pasaron xa por esta celebración artistas como Tanxugueiras, Blanco Palamera, Néboa, Caamaño&Ameixeiras ou Momboi, e eloxiou a selección de artistas que reunirá esta nova festa da música en galego, “que volverá ser testemuño do excelente momento que atravesa a creación musical en Galicia”, engadiu.
A carteleira de Acento. Día da Música arrancará o vindeiro venres ás 19,00 h. cos concertos de dous valores do Laboratorio de Creación Musical de Fundación SGAE Galicia: Carolina Rubirosa e Gargantúa, para continuar coa retranca do grupo De Vacas, que soará a partir das 20,15 h., e o novo pop de Carlos Ares, sobre as 21,45 h. Pechará a xornada Abraham Boba, líder da banda León Benavente, quen ofrecerá unha sesión como DJ.