Nova: A Xunta prevé investir 413.000 euros en corrixir a entrada de humidades na cabeceira da catedral de Lugo

19/06/2024

A Xunta prevé investir 413.000 euros en corrixir a entrada de humidades na cabeceira da catedral de Lugo

A Delegación Territorial acolleu hoxe unha xuntanza entre responsables do Goberno autonómico e do Concello porque será preciso actuar sobre espazos públicos e canalizacións para as obras de drenaxe

Lugo, 19 de xuño de 2024

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé investir 413.000 euros para corrixir a entrada de humidades na cabeceira da Catedral de Lugo, onde se sitúa a capela da Virxe dos Ollos Grandes. Para elo será preciso intervir na contorna inmediata, en espazos  públicos da praza de Santa María, praza Fernando de Casas Novas e a travesía Deán Fernández Varela.

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, explicou hoxe o proxecto nunha reunión na Delegación Territorial entre responsables e técnicos da Xunta e do Concello de Lugo, na que tamén participaron o delegado territorial, Javier Arias, e a alcaldesa, Paula Alvarellos, entre outros.

Os estudos previos que serviron de base para esta nova actuación permitiron determinar a existencia dunha das grandes cloacas de época romana, que discorre a máis de catro metros de profundidade polo claustro da Catedral en dirección á porta de Santiago, e que segue funcionando na actualidade como sistema de saneamento, tras case 2000 anos de existencia.

Os técnicos analizaron máis en detalle a relación desta cloaca romana coa canle do século XVIII que rodea a cabeceira do templo baixo a rasante da praza de Santa María, que se interrompe baixo o cruceiro que existe hoxe na citada praza, e concluíron que é necesario actuar sobre os espazos públicos que circundan a cabeceira da catedral e sobre esas canalizacións para poder eliminar as humidades que existen na capela dos Ollos Grandes.

As obras a realizar perseguen a canalización correcta das augas, a ventilación dos muros de fábrica soterrados e a drenaxe e ventilación adecuadas das zonas de imposible acceso. O cruceiro será desprazado lixeiramente para liberar a canalización interrompida, e tamén se aproveitará para acometer a limpeza e rexuntado dos paramentos no exterior da capela.

A Consellería de Cultura continúa programando traballos na Catedral de Santa María de Lugo ao abeiro do Plan de Catedrais, cofinanciado polo programa europeo Galicia Feder 2021-2027.

Recentemente remataron as tarefas de restauración do claustro, nas que investiu 625.000 euros e que incluíron outros labores complementarios, como as investigacións arqueolóxicas que permitiron constatar a existencia dunha importante necrópole de época medieval e moderna e descender á cloaca romana a través do rexistro de entrada existente no recinto.

Comparte