Nova: Rueda destaca a importancia de preservar o patrimonio cultural para difundir o valor do Camiño de Santiago e a historia de Galicia
19/06/2024
Rueda destaca a importancia de preservar o patrimonio cultural para difundir o valor do Camiño de Santiago e a historia de Galicia
Salienta a importancia de compartir a exposición cunha comunidade coma Castela e León que conta, ao igual que Galicia, “cun patrimonio, unha riqueza e unha historia” vencellada a ruta xacobea
Compostela acolle xunto a Villafranca del Bierzo a XXVII edición de Las Edades del Hombre que, por primeira vez, contará con dúas sedes simultáneas
A Xunta destina 38 M€ a mellorar as catedrais galegas ata 2027 e máis de 24 M€ para restaurar doce Bens de Interese Cultural do Camiño de Santiago
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta coa conservación do patrimonio como un elemento dinamizador cultural, social e económico que forma parte da historia e da identidade da comunidade. “Restaurar o patrimonio nunca é supérfluo. É importante coidar o noso para que sexa coñecido e interpretado polas futuras xeracións”, indicou.
Por iso, salientou a importancia de que a exposición Hospitalitas. A graza do encontro -no marco da XXVII edición de Las Edades del Hombre- se celebre este ano de forma simultánea en Galicia e Castela e León. Rueda fixo fincapé na importancia de compartir esta mostra “cunha comunidade que tamén ten moito patrimonio, riqueza e historia detrás” vencellada ao Camiño de Santiago, unha ruta que “vertebrou durante séculos Europa e España” e que seguirá a poñerse en valor grazas a esta nova mostra.
Entre as medidas levadas a cabo nos últimos anos pola Xunta para a conservación do patrimonio, Rueda resaltou os traballos durante máis dunha década na Catedral de Santiago. Ademais, o Goberno galego destinará 38 millóns de euros ata 2027 para mellorar outros templos da comunidade, 24,4 millóns do Plan Xacobeo Next Generation a rehabilitar e restaurar unha ducia de Bens de Interese Cultural no Camiño de Santiago e puxo en marcha ano pasado axudas para rehabilitar edificios singulares nas rutas xacobeas e destinalos a establecementos turísticos.
Máis de 170 pezas de arte sacro
A igrexa e o mosteiro de San Martín Pinario e a cripta do Pórtico da Gloria da Catedral acollerán esta exposición de arte sacro enmarcada na XXVII edición de Las Edades del Hombre que, por primeira vez en 26 edicións, se celebra en dúas sedes: Santiago de Compostela e Villafranca del Bierzo. Trátanse de dúas localidades vencelladas pola ruta Xacobea, unha como punto final do Camiño e outra coma a única localidade na que os peregrinos poden recibir o xubileo no caso de non poder seguir o itinerario ata Compostela.
As persoas visitantes á exposición en Santiago poderán desfrutar ata o mes de novembro de máis de 170 obras de arte sacra de gran valor, autoría de grandes artistas do patrimonio español, como o son Juan de Juni, Luis Salvador Carmona, Bartolomé Esteban Murillo, Gregorio Fernández, Alonso Berruguete o Alejo de Vahía, que compartirán espazo con outras pezas contemporáneas e instalacións inmersivas e experiencias de realidade virtual.
O comisariado da exposición na capital galega está integrado polo director da Fundación Catedral de Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, e o director técnico-conservador do Museo desta mesma catedral, Ramón Yzquierdo.
Desde a primeira mostra de Las Edades del Hombre exhibíronse en diferentes sedes máis de 5.200 pezas de arte e doce millóns de persoas visitaron as diferentes exposicións.