Nova: A Xunta avánzalle ao sector audiovisual as novidades do fondo de 2 M€ para a atraer rodaxes a Galicia
21/06/2024
A Xunta avánzalle ao sector audiovisual as novidades do fondo de 2 M€ para a atraer rodaxes a Galicia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publicará a semana que vén as bases destas subvencións, coas que se lle dá continuidade á liña de apoio que tivo maior impacto das convocadas ao abeiro do Hub Audiovisual 2021-2023
Búscase impulsar a proxección da nosa Comunidade como escenario de producións internacionais, garantindo cando menos catro semanas de filmación en localizacións galegas cun gasto mínimo de entre 1M€ e 1,5M€
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2024
Representantes dunha ducia de produtoras audiovisuais galegas asistiron este mediodía na Cidade da Cultura, en Santiago, á sesión informativa organizada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para lles adiantar as claves das novas subvencións para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade, dotadas con 2.000.000 euros. Ademais de avanzarlles a próxima publicación das bases o vindeiro 26 de xuño, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, explicoulles as principais novidades deste fondo, ao que se lle dá continuidade polo positivo impacto das súas dúas anteriores convocatorias dentro do Hub Audiovisual Industria Cultural Galega 2021-2023.
Cruz Enjo, subdirectora xeral de Xestión do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e María Antón, xerente da Axencia Galega das Industrias Culturais, acompañaron a Jacobo Sutil nesta presentación sobre os principais requisitos para a solicitude e xustificación destas subvencións.
O seu principal obxectivo é impulsar a proxección da nosa Comunidade como escenario de producións audiovisuais encabezadas tanto por empresas de aquí como do resto de España e Europa. Ao tempo, garantirase un gasto mínimo en Galicia por cada proxecto subvencionado de entre 1.000.000 deuros no caso das produtoras galegas e 1.500.000 euros no das foráneas.
Condicións vantaxosas para empresas galegas
A apertura do fondo de rodaxes a calquera produtora independente do espazo económico europeo é precisamente unha das principais novidades da convocatoria de 2024, que establece porén unha especial protección do audiovisual galego, para o que se establecen condicións máis vantaxosas.
Outras das modificacións teñen que ver coa automatización e a conseguinte axilización da súa concesión, que pasa a xestionarse en réxime de concorrencia non competitiva, así como coa ampliación do período mínimo de filmación en Galicia de dúas a catro semanas ou a esixencia de que cando menos un 40% do orzamento subvencionable sexa destinado a gastos de persoal.
Poden optar a estas axudas proxectos de longametraxes ou series de ficción, neste último caso sempre que conten con temporadas previas cun mínimo de 150 minutos de emisión. Para a súa solicitude, as empresas solicitantes deberán acreditar que dispoñen dun financiamento mínimo do 60% do custo do total da produción.
Estas axudas a rodaxes botaron a andar ao abeiro do Hub Audiovisual Industria Cultural, que acaba de pechar e facer balance do seu conxunto de medidas, a través das que a Xunta canalizou 9,6 millóns de euros cara ás industrias creativas galegas no trienio 2021-2023. O seu retorno económico cífrase en 32,3 millóns de euros, dos que 22,1 millóns foron xerados a partir dos 2,78 millóns adxudicados nas dúas convocatorias anteriores para atraer filmacións a Galicia.
O fondo de rodaxes confírmase, pois, como a liña de subvencións de maior impacto económico das nove publicadas ao abeiro do Hub, feito polo que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decidiu darlle continuidade máis alá deste programa extraordinario.