Nova: A Xunta fomenta a formación en bibliotecas, arquivos e museos coa adxudicación de 73 bolsas neste eido
22/06/2024
A Xunta fomenta a formación en bibliotecas, arquivos e museos coa adxudicación de 73 bolsas neste eido
As listaxes das persoas beneficiarias para o período 2024-2025 poden consultarse no Diario Oficial de Galicia
O Goberno galego proporciona a oportunidade de complementar os estudos académicos nestas institucións culturais, creando un tecido de profesionais
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2024
A Xunta de Galicia vén de adxudicar as 73 prazas ofertadas para formación en biblioteconomía, en materia de arquivos e de museos, coas que contribúe á aprendizaxe do estudantado neste eido. As tres listaxes das persoas beneficiarias destas bolsas para o período 2024-2025 foron publicadas ao longo desta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Desde o Goberno galego proporciónase así a oportunidade de complementar a formación académica cunha proposta teórico práctica. Nela, o persoal bolseiro desenvolverá actividades propias do funcionamento de cada unha destas institucións esenciais para preservar e difundir a cultura, tutelados polo servizos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desta maneira, contribúese tamén a favorecer a creación dun tecido de profesionais para as redes de bibliotecas, arquivos e museos da Comunidade.
No caso dos arquivos, con 20 prazas, as funcións teñen que ver cos procesos técnicos que se realizan en relación aos fondos documentais. As persoas que acceden á formación durante seis meses, prorrogables a outros seis, proceden de estudos relacionados coa Historia ou a Arquivística.
Os bolseiros das bibliotecas, 33 en total, estarán apoiados por titores en oito centros pertencentes á rede xestionada pola Xunta máis a Biblioteca de Ferrol. Nas súas prácticas achegaranse ao uso e tratamento dos fondos bibliográficos, á atención aos usuarios e á adquisición das competencias propias neste ámbito. Trátase de persoas tituladas en Biblioteconomía, Documentación, Historia da Arte, Lingua e Literatura, Difusión Cultural ou Humanidades, e que permanecerán nos centros por un período de 14 meses.
Tamén completarán o seu currículo académico os 20 beneficiarios das prácticas nos espazos museísticos, nos que se mergullarán no ámbito da xestión documental, rexistro, inventario e catalogación de pezas de exposición. Ademais, no que ten que ver coa difusión tamén coñecerán a preparación de mostras, material divulgativo e realización de visitas guiadas ou obradoiros. Neste caso, coa posibilidade de 12 meses de estadía, outorgáronse as prazas a persoas formadas en Historia da Arte, Arqueoloxía, ou especialidades relacionadas coa pintura ou escultura.