Nova: A Xunta colabora con 14 audiolibros para favorecer o acceso universal á lectura e a creación literaria
23/06/2024
A Xunta colabora con 14 audiolibros para favorecer o acceso universal á lectura e a creación literaria
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudica a liña de axudas posta en marcha por primeira vez o pasado ano
Na convocatoria atópase o formato sonoro de Pel de cordeiro, o último libro de Ledicia Costas, e ademais na plataforma GaliciaLe vanse incluír catro clásicos da literatura galega en versión dixital
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2024
A Xunta de Galicia colabora con 14 proxectos editoriais para favorecer o acceso universal á lectura e a creación literaria a través das subvencións para a edición de audiolibros. A resolución desta liña de axudas, posta en marcha por primeira vez o pasado ano, vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é impulsar a produción de libros que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación a través da posta en marcha de novos formatos como audiolibros en lingua galega. Trátase dunha medida enmarcada nos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que busca garantir o acceso á cultura tanto desde a perspectiva do consumo como da creación. Para isto, a Xunta de Galicia tamén solicitou a produción de catro clásicos da literatura galega que se atoparán dispoñibles na plataforma GaliciaLe.
En concreto, nesta convocatoria que ten carácter plurianual e un orzamento de 75.000 euros, apóiase a creación de 14 audiolibros que contan cunha achega de ata 5.000 euros. Así, a empresa editora Arrainos Producións impulsará os audiolibros de 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días, O Camiño de Ramón Chao. Tras as pegadas de Prisciliano e Xosé Velo sen fronteiras. Edicións Xerais de Galicia, pola súa banda, fará o mesmo coa obra Pel de cordeiro, o último libro de Ledicia Costas, mentres que Editorial Galaxia contará con Daniel no peirao, Hermelindo esbirra poemas e Ícaras. A adxudicación complétase con Dous nenos coma ti e O Parnaso sobre rodas de Editorial Guiverny e con A lagoa máis fermosa de todas as lagoas, A comuna de Valdonelle, Gumes entre a néboa, Loucine e A matanza clandestina de Técnicas & Gramaxe.
Ademais, a Xunta ten previsto incorporar catro clásicos da literatura galega na plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe. Os libros electrónicos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, O divino sainete de Manuel Curros Enríquez, De catro a catro de Manuel Antonio e Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares estarán dispoñibles proximamente en formato audiolibro.