Nova: Belén do Campo participa na presentación do Fisterra Experience 2024 que terá lugar durante esta fin de semana no marco dos concertos apoiados pola Xunta
25/06/2024
Belén do Campo participa na presentación do Fisterra Experience 2024 que terá lugar durante esta fin de semana no marco dos concertos apoiados pola Xunta
A representante do Goberno galego participou hoxe na rolda de prensa de presentación do evento
O festival celebra a súa IX edición do venres 28 de xuño ao domingo 30 de xuño
Fisterra (A Coruña), 25 de xuño de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na rolda de presentación do festival de música “Fisterra Experience 2024”, onde destacou que “este evento é unha mostra da calidade musical pola que aposta a Xunta cun cartel que mestura artistas fundamentalmente galegos con gran variedade de ritmos musicais”. A representante do Goberno autonómico destacou que este evento contará cun apoio da Xunta de Galicia de 40.000 euros.
Neste senso, a delegada subliñou “a importancia deste tipo de festivais como unha oportunidade para trasladar aos turistas e peregrinos que Galicia é unha comunidade cunha oferta turística sen precedentes, coa excelencia e a calidade como bandeira duns recursos e medios sen parangón”, indicou.
Belén do Campo sinalou que “este verán volve a ser unha oportunidade única para Galicia, para seguir facendo visible o que temos que aportar a España e ao resto do mundo” e recalcou que “no 2023 se entregaron máis de 446.000 compostelas -o que supón un 1,8 % máis que no mesmo período de 2022 que foi un ano Xacobeo no que se bateron todos os récords e Galicia acadou, o ano pasado, máis de 7 millóns de viaxeiros que fixeron 13,3 millóns de noites, é dicir, un 6,6 e un 5,8 % máis, respectivamente, que no 2022 “. Neste 2024, puntualizou, “queremos seguir batendo récords e a Costa da Morte é un destino con grandes posibilidades turísticas”.
Os interesados poden consultar a programación e os artistas a través da páxina web do festival fisterrablues.gal