Nova: A Xunta colabora na mellora do Museo Fernando Blanco de Lema en Cee
12/07/2024
A Xunta colabora na mellora do Museo Fernando Blanco de Lema en Cee
A actuación enmárcase nos obxectivos do plan para modernizar as infraestruturas culturais no que traballa o Goberno galego
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita o resultado das actuacións de mantemento e conservación
Os traballos inclúen a limpeza das cubertas, canalóns e exterior e a renovación dos paramentos interiores e pintura dos dous andares e a fachada
Cee (A Coruña), 12 de xullo de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe en Cee o Museo Fernando Blanco de Lema para ver o resultado das actuacións de mantemento e conservación que se levaron a cabo cunha achega de 37.000€ e que se enmarcan nos obxectivos do plan para modernizar infraestruturas culturais no que traballa o Goberno galego.
Na visita, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “a importancia de garantir espazos nos que desenvolver actividades culturais en todo o territorio, tal e como tamén se promove na Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que agardamos ter en vigor este mesmo ano”. Neste senso, resaltou o traballo da Fundación Fernando Blanco de Lema “por ter como fin a promoción educativa e cultural da vila de Cee e da súa bisbarra”.
En canto ás actuacións levadas a cabo nas instalacións inclúense a limpeza de cuberta, a substitución de pezas rotas e selado do patio de luces, a impermeabilización interior, a limpeza de canalóns, o vernizado exterior, a renovación do acabado dos paramentos interiores e pintura dos dous andares do edificio e da fachada.
Os espazos renovados do museo, que percorreu o director xeral, albergan unha colección de instrumental científico e material didáctico das cátedras, laboratorio e gabinetes do antigo Instituto-Escola de Cee, de finais do século XIX. Contan con medidores de diversas magnitudes, aparellos de mecánica, acústica e óptica, ademais das coleccións de animais, minerais e fósiles. Xunto a este material destacan as obras pictóricas de Federico Madrazo, os gravados da Calcografía Nacional e unha colección de ourivería relixiosa.
Este investimento enmárcanse no compromiso do Goberno galego por mellorar e modernizar as infraestruturas culturais públicas de Galicia e garantir o acceso á cultura, a folla de ruta na que traballa a Xunta de Galicia. Neste marco, o Goberno galego vén de resolver as axudas para mellora de equipamentos culturais que contan cun orzamento de 500.000€ para a renovación de bibliotecas, auditorios e centros culturais de 46 concellos. As axudas incrementarán a calidade da oferta cultural en 19 bibliotecas e axencias de lectura, 15 centros culturais, seis auditorios, dous centros de interpretación patrimonial, dous escolas de música e un arquivo.