Nova: A Xunta aumenta o servizo de bibliotecas móbiles coa adxudicación dunha terceira ruta de ‘A Furgoteca’
14/07/2024
A Xunta aumenta o servizo de bibliotecas móbiles coa adxudicación dunha terceira ruta de ‘A Furgoteca’
A nova liña, que estará dispoñible tras o verán, completa as dúas que xa funcionan desde marzo de 2023 no rural de Lugo e Ourense, reforzando o servizo con 10 concellos máis da zona occidental desta última provincia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste máis de 650.000 € na nova contratación dos tres percorridos
Esta é unha das propostas fundamentais das actividades de verán englobadas no CulturON, a campaña do Goberno galego con máis de 30 actividades diarias
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2024
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de adxudicar os novos contratos para continuar co servizo de bibliotecas móbiles de Galicia no rural de Lugo e Ourense, ampliando a oferta cunha nova ruta, a terceira, que levará A Furgoteca a concellos da zona occidental da provincia ourensá. Así, a Xunta realiza un investimento total nas tres liñas de máis de 650.000€.
Desde o Goberno galego refórzase deste xeito unha iniciativa que no seu primeiro ano de funcionamento atendeu a máis de 14.300 persoas e que chegará co seu novo percorrido a dez municipios máis (Lobeira, Muíños, Padrenda, A Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea) que suman, no seu conxunto, 11.233 habitantes. A achega destinada pola Xunta de Galicia para cada unha das rutas que percorre o rural de Galicia é de 220.000 €.
Está previsto que, tras a adxudicación, esta Furgoteca comece as súas visitas despois do verán, unha vez se conte co equipamento, a adecuación do vehículo e a organización dos materiais e medios humanos precisos para a súa posta en marcha. Coa súa estrea, o total de habitantes entre os distintos percorridos acadará as 33.000 persoas.
Esta ampliación vén motivada pola boa acollida por parte das persoas usuarias, xa que ofrece os servizos básicos de calquera biblioteca en lugares onde non contan con esta oferta cultural, chegando ás zonas rurais máis illadas e cun alto grao de envellecemento. Desde que botou a andar, en marzo de 2023, esta proposta itinerante estivo presente en 20 concellos de menos de 2.000 habitantes, realizando case 15.000 préstamos e un total de 335 actividades de dinamización.
Neste senso, a iniciativa concorda cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que vén de reactivar a Xunta de Galicia co obxectivo de que entre en vigor antes de finais de ano e que promove o acceso e goce da cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas.
Dinamización cultural
As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.
Ademais, as bibliotecas móbiles son un eixo de dinamización cultural, xa que van acompañadas de diversas propostas de lecer como obradoiros, contacontos, conferencias ou actuacións musicais, entre outras citas. Así ocorre durante este verán no marco do CulturON, a programación da Xunta que engloba as actividades do verán en todo o territorio con máis de 30 propostas diarias e no que A Furgoteca ten un papel fundamental.
Deste xeito, o servizo responde tamén á finalidade da futura Rede Adival de Dinamización cultural no rural que se vai activar por parte do Goberno galego para potenciar a programación nas zonas non urbanas.
Hábitos lectores
Neste contexto, cómpre lembrar que case o 97% dos galegos maiores de 14 anos le algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre, segundo se desprende do último estudo sobre hábitos lectores realizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en 2023. O informe, ademais, reflicte que o índice de lectura en Galicia atópase 1,4 puntos por enriba da media estatal.
Un dos principais resultados que recolle o estudo é que o 61,3% da poboación le libros en galego tanto de xeito habitual como ocasional, sendo os lectores máis asiduos neste sentido os homes entre 25 e 35 anos da provincia de Ourense. Con respecto á provincia de Lugo, chama a atención entre os datos extrapolados desta avaliación que máis do 90% dos seus residentes le habitualmente en soporte dixital.