Nova: A Xunta inviste 21.000 euros para eliminar as goteiras do Auditorio da Azucreira de Portas
15/07/2024
A Xunta inviste 21.000 euros para eliminar as goteiras do Auditorio da Azucreira de Portas
Sete concellos da área territorial se benefician destas subvencións para entidades locais para o equipamento e mellora de instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais
O total investido na área territorial de Pontevedra supera os 90.000 euros
O delegado territorial lembrou a intención da Xunta de seguir colaborando cos concellos para que estes poidan ofrecer uns espazos agradables e de calidade a todos os galegos e galegas
Portas (Pontevedra), 15 de xullo de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Auditorio da Azucreira de Portas con motivo das obras de reparación da súa cuberta, financiadas pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizadas para a realización de actividades culturais
A Xunta investirá nesta obra un total de 21.000 euros que permitirán mellorar as instalacións e dotar ao Auditorio dunha cuberta renovada. Cabe destacar que na área territorial de Pontevedra foron sete os concellos beneficiados por estas axudas, cun importe total de máis de 90.000 euros.
A axuda da Xunta cubrirá preto do 44% do custe total desta obra.
Reguera aproveitou a visita para lembrar a intención da Xunta de “seguir colaborando entre institucións e apoiando aos concellos para que poidan ofrecer uns espazos agradables e de calidade a todos os galegos e galegas”.
Pola súa banda, o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, agradeceu a visita do delegado e asegurou que se trata dunha “actuación necesaria para evitar as filtracións de agua pluvial que en ocasións interfiren nos eventos que aquí se realizan”.
Estas axudas enmárcanse no compromiso do Goberno galego por mellorar e impulsar o equipamento das unidades culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos en liña co futuro plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia, a folla de ruta na que traballa a Xunta de Galicia para recoller os retos de futuro deses equipamentos.