Nova: Anxo M. Lorenzo celebra 25 anos de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións

17/07/2024

Anxo M. Lorenzo celebra 25 anos de exposicións temporais do Museo das Peregrinacións

O director xeral de Cultura inaugura a exposición ‘Verba Volant, picta manent’, conmemorativa da efeméride e que reúne máis dun cento de pezas representativas das distintas mostras temporais da entidade

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición Verba Volant, picta mantent. 25 anos das exposicións temporais onde salientou “o labor do Museo das Peregrinacións a prol da conservación do patrimonio cultural durante estes 25 anos”.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, sinalou que esta mostra “fai un percorrido ao longo da programación expositiva sobre o Camiño e a cidade de Santiago, en concreto, e a revalorización do patrimonio galego, en xeral, que o museo leva a cabo dende o ano 1999, coincidindo coa celebración do Xacobeo 99 ”. “É unha sorte percorrer a historia das peregrinacións a través das máis dun cento de obras que se atopan aquí expostas”, destacou Anxo Lorenzo.

No percorrido pola mostra conmemorativa, o director xeral de Cultura, puxo en valor o traballo conxunto entre a entidade e os colaboradores, que neste cuarto de século, promoveron iniciativas para revalorizar o patrimonio cultural galego que xira entorno ao Camiño de Santiago e á cidade de Santiago de Compostela, meta da peregrinación xacobea. Neste senso, o director xeral de Cultura destacou a importancia das doazóns que se foron facendo ao longo dos anos e que actualmente conforman un catálogo de máis de 700 obras pertencentes ás exposicións temporais.

A mostra, que se poderá visitar ata o 27 de outubro, compendia un total de 117 pezas de máis de medio cento de artistas que integraron no seu día as 80 mostras expositivas que acolleu o museo durante estes 25 anos como, Peregrinacións no mundo, As outras Peregrinacións ou Patrimonio e Camiño.

Comparte