Nova: Programación especial nas bibliotecas para conmemorar o Día do Libro
22/04/2015
Programación especial nas bibliotecas para conmemorar o Día do Libro
Contacontos, exposicións, encontro con escritores e visitas guiadas centran a celebración do 23 de abril nas bibliotecas de xestión autonómica
Os museos galegos tamén se unen a esta conmemoración coa súa participación nunha campaña estatal de bookcrossing que liberará máis de 2.000 volumes
Coincidindo co 23 de abril, a Feira de Bos Aires abre mañá as portas da edición de 2015, na que estará representado o sector editorial galego
Santiago, 22 de abril de 2015.- Contacontos, liberación de libros, visitas guiadas, sorteo de lotes de libros, exposicións bibliográficas e encontros con escritores son algunhas das actividades que ofrecen esta semana as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, xestionadas pola Consellería de Cultura e Educación, para convidar a cidadanía a conmemorar o Día Internacional do Libro. Unha celebración á que tamén se unen algúns dos museos de xestión autonómica coa súa participación nunha experiencia estatal de bookcrossing que porá en circulación máis de 2.000 volumes.
Arredor desta data, que se conmemora cada ano o 23 de abril, as bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, a Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e a Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, ofrecen diversas propostas para lles achegar o libro e a lectura a grandes e pequenos. As principais celebracións vinculadas co libro e coa lectura en 2015 poden consultarse no calendario promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, accesible na web cultura.gal
Contacontos en Lugo e en Ourense
En Lugo, a biblioteca ofrecerá mañá xoves visitas guiadas para dar a coñecer os seus servizos, en horario de 12 e 19 horas. Ao día seguinte, o venres 24, ademais de realizar un sorteo de lotes de libros para os usuarios con máis préstamos durante o mes de abril, a biblioteca acollerá, ás 18 horas, a actividade ‘Contos de maxia’, baseada no libro ‘O sorrido de Rosalía’ e dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Tampouco faltarán os contacontos na Biblioteca Pública de Ourense, que organiza o xoves 23 a actividade ‘Pura palabra’, coa que Soledad Felloza lles propón aos nenos e nenas de 1 a 5 anos un percorrido no que dar a volta ao mundo a través das palabras.
Xornada de portas abertas en Pontevedra
As exposicións bibliográficas tamén serán protagonistas na programación do Día do Libro. A Biblioteca Pública de Pontevedra recolle unha selección de obras dos autores recoñecidos co Premio Cervantes, que se poderá visitar ata o 3 de maio. O 23 de abril, o centro realizará unha xornada de portas abertas e eliminaralles as sancións por atraso nas devolucións a todos os usuarios e usuarias que fagan uso ese día do servizo de préstamo. O venres 24, ás 18:30 horas, tamén acollerá ‘Cousas de Castelao’, un espectáculo de sombras co que Títeres Cachirulo propón gozar do teatro en familia, con nenos e nenas a partir dos 5 anos.
Liberación de libros na Ánxel Casal
Na capital de Galicia, a Ánxel Casal unirase á celebración cunha campaña de liberación de libros en diferentes espazos da biblioteca que se prolongará ata o 24 de abril. Mañá xoves, ás 18:30 horas, terá lugar a última sesión do obradoiro creativo ‘Bibliotecas animadas’, a cargo de Gargallando, e, ese mesmo día, a biblioteca porá en marcha o V Concurso de Carteis do Día das Letras Galegas. Visitas guiadas mañá xoves ás 12 e ás 16 horas para dar a coñecer os espazos e servizos que ofrece a biblioteca, xunto cun sorteo de lotes de libros o venres 24, entres todos os usuarios e usuarias que levasen un libro en préstamo o día 23, completan as iniciativas programadas pola Ánxel Casal.
Tamén en Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia agasallará con libros os seus visitantes o 23 de abril. Ese mesmo día, realizará ás 11 horas unha visita guiada á exposición ‘A editorial Bibliófilos Gallegos, un proxecto cultural galeguista na posguerra’.
Encontros con escritores na Juan Compañel
Na cidade de Vigo, a Juan Compañel acolle dúas exposicións para celebrar o Día do Libro: ‘Quixote’, que reúne ata o 30 de abril as distintas edicións da obra de Miguel de Cervantes dispoñibles na biblioteca; e ‘DOS’, unha mostra de banda deseñada de David Braña onde se amosan, ata o 3 de maio, distintos espazos de Vigo.
Os máis pequenos tamén serán protagonistas da programación arredor do Día do Libro. O venres 24, ás 18 horas, terá lugar un contacontos para bebés a cargo de Pablo Díaz, mentres que o sábado 25, ás 12 horas, se celebrará a actividade ‘O soño do rato’, a cargo de Intres, unha contacontos para nenos e nenas de 0 a 3 anos baseada no soño do rato César por viaxar no tren que transporta libros para a biblioteca. Ese mesmo día, a biblioteca organizará un encontro cos autores Mateo Reverter e David Braña, arredor da obra ‘Visiones’ e do cómic ‘DOS’, respectivamente.
O libro, a lectura e a música serán protagonistas na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés coa actividade ‘Brinca vai de aquí a acolá’, con Paco Nogueiras, que terá lugar o sábado 25 de abril ás 12 horas. Ademais, mañá xoves, a biblioteca entregará os premios do seu II Certame de Poesía.
Os museos tamén celebran o Día do Libro
Ademais das bibliotecas, algúns dos museos xestionados pola Consellería tamén se unirán á celebración do Día Internacional do Libro a través dunha experiencia compartida de bookcrossing na que participarán un total de 54 museos e centros de arte de toda España. Con volumes procedentes da bolsa de duplicados das súas respectivas bibliotecas, entre todos eles poñerán en circulación máis de 2.000 libros coa intención de que, os que os recollan, gocen da súa lectura e volvan liberalos noutro punto distinto.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo das Peregrinacións e de Santiago e o Museo Etnolóxico de Ribadavia participarán nesta campaña, que celebra en 2015 a súa sétima edición. Ademais o museo ourensán tamén conmemorará o Día do Libro coa presentación do libro-disco ‘Muller de papel’, de Rochi Novoa, xunto cun recital de música e poesía.
Galicia, na Feira do Libro de Bos Aires 2015
Coincidindo tamén co 23 de abril, a Feira Internacional do Libro de Bos Aires inicia a súa edición de 2015, que contará, un ano máis, coa participación de Galicia. O sector editorial galego estará a través do stand de Galicia, promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración co Instituto Argentino de Cultura Gallega.
No marco do que constitúe un dos eventos máis relevantes a nivel internacional vinculados co libro e a lectura, a produción editorial galega difundirase en Arxentina ata o 11 de maio con publicacións de Galaxia, Nova Galicia Edicións, MC Sport, Bululú, Alvarellos Editora, Rinoceronte Editora, Editorial Trymar, Sotelo Blanco, Edicións Xerais de Galicia e Linteo.