Nova: O plan de arquivos da Xunta de Galicia executou máis de 100 medidas nos seus dous primeiros anos
22/07/2024
O plan de arquivos da Xunta de Galicia executou máis de 100 medidas nos seus dous primeiros anos
- O Consello da Xunta avalía o grao de execución desta iniciativa posta en marcha no ano 2022 para mellorar a xestión da información arquivada polo Goberno galego
- O documento, estruturado en tres liñas estratéxicas, impulsou a celebración de máis dun cento de reunións con axentes externos e a creación de oito grupos de traballo
- Entre os principais avances figura a redacción dun borrador de Decreto, o impulso a accións formativas, o incremento de recursos ou a implantación dunha nova ferramenta de xestión
A Xunta de Galicia, no seu obxectivo de modernizar e optimizar a xestión do servizo de arquivos, executou xa máis de 100 medidas incluídas no Plan de Arquivos 2022-2026. Trátase da folla de ruta posta en marcha polo Goberno galego para mellorar a xestión da información arquivada pola Administración autonómica e cuxo grao de cumprimento foi avaliado polo Consello da Xunta no ecuador da súa execución.
Este plan con horizonte do ano 2026 está estruturado en tres liñas estratéxicas e 60 accións. Así, o plan conta cunha primeira liña na que se ordenan os recursos coa intención de reforzar os medios materiais e persoais. Neste punto, levouse xa a cabo unha análise das necesidades de persoal nos arquivos e impulsou a celebración de dous procesos selectivos que permitiron ampliar os recursos destes centros. Dentro deste mesmo eixo tamén se organizaron 8 accións formativas dirixidas tanto ao persoal arquiveiro como ao persoal de xestión.
No relativo aos recursos materiais, cómpre destacar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou un 7% o orzamento destinado á mellora dos espazos e instalacións dos arquivos mediante a compra de mobiliario e maquinaria e a realización de actuacións de mantemento.
Optimizar a xestión
A segunda liña estratéxica deste plan céntrase na xestión dos arquivos, con tres obxectivos principais: optimizar a organización, mellorar a xestión documental e simplificar, dixitalizar e automatizar procesos. No caso da organización, ao abeiro deste plan, xa se redactou un borrador de Decreto destinado a regular determinadas cuestións de xestión documental e funcionamento e elaborouse unha guía de xestión documental para a consellería competente en materia de educación.
Dentro das medidas destinadas a potenciar a xestión documental, entre os avances xa rexistrados figura o Consello de Avaliación Documental, que suma máis de 125 estudos aprobados. Ademais, tamén se realizou un forte impulso á dixitalización de documentos cun investimento dun millón de euros nos dous últimos anos.
Co fin de contar coa información precisa tamén se está actualizando anualmente o Censo de arquivos e patrimonio documental público e privado de Galicia, que actualmente conta con 379 centros inscritos.
O último punto desta liña estratéxica, centrado na simplificación, dixitalización e automatización de procesos, conta xa con medidas executadas como a implantación dunha nova ferramenta de xestión, ARQA, que promove a interoperabilidade con todos os sistemas de xestión. Trátase dunha medida operativa xa no Arquivo de Galicia, no Arquivo Territorial de Pontevedra e nos centros de 53 concellos galegos a través dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias.
Potenciar a difusión
Finalmente, entre as medidas executadas na terceira liña, dirixida a potenciar a difusión do material documental, destacan a dixitalización especializada de máis de un millón de imaxes de fondos como o Catastro do Marqués de Ensenada, Memoria e Concordia, Catastro de rústica e urbana ou fichas de patrimonio cultural e fondos fotográficos.
Así mesmo, desde a posta en marcha do Plan, potenciouse o repositorio de Galiciana Arquivo Dixital de Galicia incrementando as imaxes dixitalizadas nun 30% e a programación anual de exposicións nos arquivos xestionados pola Consellería que contan, só neste ano, cunha ducia de exposicións.
Plan participativo
Todas estas medidas aplícanse nos centros xestionados pola Xunta, un total de 23, dos cales 12 son arquivos centrais, que corresponden ás distintas consellerías; seis son territoriais dependentes das delegacións, así como os catro arquivos históricos provinciais e o Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura.