Nova: O Compostela Tradfest recibe o apoio da Xunta para celebrar unha xornada dedicada á música de raíz
23/07/2024
O Compostela Tradfest recibe o apoio da Xunta para celebrar unha xornada dedicada á música de raíz
O festival reparte a súa actividade o domingo 28 de xullo entre a praza da Quintana e o parque de Bonaval
O cartel presenta 15 propostas referentes en Galicia e no ámbito internacional, entre as que destacan Capercaillie e Caamaño&Ameixeiras
A cita complétase con obradoiros, ruadas e unha mostra de artesanía
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024
O vindeiro domingo 28 de xullo, no marco das Festas do Apóstolo, Santiago de Compostela acolle unha nova edición do Tradfest, que volve contar co apoio da Xunta de Galicia para celebrar unha xornada de música tradicional. O festival presentou hoxe unha programación diversa e de calidade que ten como escenarios privilexiados o parque de Bonaval e a Praza da Quintana e na que se inclúen 15 actuacións de artistas e bandas galegas e internacionais, xunto cun programa de obradoiros, ruadas, espazos gastronómicos e unha feira de artesanía que lle brindarán ao público máis de 12 horas ininterrompidas de música, baile, tradición e vangarda.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa xunto con Mauro Sanín, un dos organizadores e produtor e director artístico de aCentral Folque; o artista Pablo Castro, percusionista do grupo Alana; e Pilar Lueiro, concelleira de Festas de Santiago de Compostela.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo de manifesto que o Tradfest vai xa camiño da súa consolidación asentando un modelo de festival que pon o foco na celebración da nosa cultura popular traída ao ámbito máis actual, e proxectando o noso patrimonio monumental xunto cunha representación do mellor da nosa música de raíz que se fai hoxe en día.
Sutil lembrou “a extensa política de promoción e apoio aos festivais de música galegos que se está a levar a cabo desde Xunta de Galicia”, con multitude de accións entre as que se inclúe a liña anual de subvencións, os patrocinios a través das marcas Xacobeo e FEST Galicia, a coordinación da programación da Rede Galega de Música ao Vivo, actuacións musicais de pequeno formato nos 88 concellos das rutas xacobeas inscritos no circuíto Cultura no Camiño, ou o baile e a música tradicionais do programa Danza3. “E todo isto dentro de CulturON, o calendario de actividade multidisciplinaria que levará durante todo o verán un promedio de 30 citas culturais diarias a 200 localidades galegas”, engadiu.
Un cartel con identidade, diverso e de calidade
O director de Industrias Culturais destacou tamén que “neste contexto, a escolma de intérpretes que achega o Tradfest complementa e reforza toda esta oferta nun momento moi relevante para a difusión dos nosos artistas e a expresión cultural no noso idioma , así como para a reivindicación e dignificación da nosa cultura popular”.
Tradfest constitúe unha celebración da música tradicional cunha programación diversa e de calidade que se repartirá entre os escenarios instalados na porta da música, a igrexa e a xirola do Parque de Bonaval, que acollerán as actuacións de Costeira, Bailai Malditos en formato ruada, Cantometrics, Lina e Lola, Os Carecos, Luis Peixoto, Arroutes, Airel NInas e Alana, e tamén as portuguesas Crua, o italiano Davide Ambrogio, os británicos Robhen ou o dúo francés Le Mange Bal. O fin de festa será no escenario instalado na praza da Quintana onde a partir das 21,30 horas subirán ao palco a mítica banda escocesa Capercaillie, que está a celebrar o seu 40º aniversario sobre os escenarios, e o dúo Caamaño&Ameixeiras, que nestes momentos é unha das nosas propostas musicais de maior proxección.
Ademais dos concertos, o festival acolle unha feira onde se darán cita artesáns, luthieres e artistas para amosar as súas creacións e impartir obradoiros; e onde tamén se poderán coñecer e degustar produtos enograstronómicos.