Nova: A Xunta continúa a súa cooperación cultural co Norte portugués coa terceira edición de ‘Nortear’
23/07/2024
A Xunta continúa a súa cooperación cultural co Norte portugués coa terceira edición de ‘Nortear’
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación deste terceiro proxecto transfronteirizo da Eurorrexión do que forma parte a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
No acto entregouse o premio da 9ª edición do certame de relato curto Nortear que recibiu o escritor melidense Vicente Vázquez
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación do novo proxecto Nortear, unha iniciativa “na que desde a Xunta seguimos moi involucrados polo gran intercambio cultural que supón entre os dous territorios, compartindo talento artístico e facilitando sinerxías no eido cultural”, sinalou.
Ademais, tamén felicitou ao melidense Vicente Vázquez Vidal, gañador da 9ª edición do certame de relato curto Nortear destinado á mocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O escritor e profesor universitario recibiu o premio pola obra Profundo sen nome.
A través deste terceiro proxecto, que vén de presentarse hoxe na Cidade da Cultura cun orzamento de 460.000€ para o período 2023-2026, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal e a Comisión de Coordinación e Desenvolvimento Rexional do Norte de Portugal continúan a colaborar promovendo diferentes actividades enfocadas no coñecemento mutuo da creación artística.
Neste senso, cómpre lembrar que a iniciativa foi concibida en 2015 como un ferramenta esencial para facilitar a cooperación entre creadores, artistas, cidadanía, comunidades, entidades culturais e todo tipo de público dos dous territorios que abrangue o proxecto ao redor da súa cultura.
O acto de hoxe finalizou coa mesa redonda A Cultura como oportunidade para a Eurorrexión, na que participaron a presidenta das Xuventudes Musicais do Eixo Atlántico, Andrea González; o escritor Manuel Andrade e o gañador de 2021 do premio Nortear, o escritor e xornalista Pedro Rodríguez.