Nova: A Xunta adxudícalles 280.000 euros a 12 festivais profesionais de artes escénicas

28/07/2024

A Xunta adxudícalles 280.000 euros a 12 festivais profesionais de artes escénicas

O orzamento repartido nesta convocatoria increméntanse un 30,2% con respecto a 2023 e beneficia a dúas citas máis que na convocatoria anterior

O FIOT de Carballo, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Internacional de Títeres de Redondela ou Danza no Claustro son algúns dos encontros financiados a través destas axudas

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2024

A Xunta de Galicia adxudicou as subvencións a festivais de artes escénicas, cuxa convocatoria fora aberta o pasado mes de abril cunha dotación total de 280.000 euros, o que supón un incremento do 30,2% respecto de 2023. As axudas benefician este ano a 12 proxectos, dous máis que na pasada edición, e consolidan o apoio crecente da Axencia Galega das Industrias Culturais a estes encontros, certames e mostras, organizadas de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector.

Entre os eventos beneficiarios que aparecen na resolución da concesión desta liña en réxime de concorrencia competitiva están algunhas das citas que xa desenvolveron a súa edición de 2024 como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (57.297,04 €), o Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral de Narón (22.022,07 €), o Festival Internacional de Títeres de Redondela (15.908,95 €) ou o Sacra Festival (16.351,45 €).

Tamén recibirán axudas outras oito citas programadas para os próximos meses. Así, en agosto van ter lugar tres delas: do 2 ao 4 o festival Danza no Claustro (3.726,50 €), que se celebra nos mosteiros de San Estevo de Ribas de Sil, de Santa María de Melón e de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, e que prevé unha xornada previa este domingo 28 de xullo en A Casa Vella de Allariz; do 4 ao 10 a Mostra de Teatro de Cariño (5.236,26 €); do 12 ao 18 o festival de títeres tradicionais ibéricos Titiriberia de Rianxo (28.941,00 €); e do 19 ao 24 o Festaclown de Vilagarcía de Arousa (9.370,11 €).

O resto das mostras subvencionadas desenvolveranse no outono, comezando polo Festival Internacional de Teatro de Outono, FIOT de Carballo, que se celebrará do 26 de setembro ao 31 de outubro (50.815,84 €), e, do 6 ao 10 de outubro, o Festival Internacional Galicreques de Santiago de Compostela (36.489,95 €). Nese mesmo mes o público poderá gozar tamén da programación do Festival Internacional de Teatro de Ourense (26.033,71 €), e o Desfoga de Cambados (7.807,13 €).

A través desta convocatoria anual de axudas o Goberno galego recoñécelles a estes festivais o seu papel como dinamizadores culturais, ademais de como plataforma de exhibición da máis recente produción escénica de Galicia.

A Xunta completa o apoio a este tipo de eventos mediante a súa colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que se celebra nestes días, e co festival Abanea de danza e artes do movemento, que se desenvolve nos concellos de Allariz, Ames, Foz, Marín e Outes.

Comparte