Nova: A Xunta pon en marcha un plan con máis de 100 medidas para incrementar os índices de lectura

30/07/2024

A Xunta pon en marcha un plan con máis de 100 medidas para incrementar os índices de lectura

  • O Consello deu o visto e prace ao informe que recolle os eixos e as liñas estratéxicas a seguir nos vindeiros anos para fomentar o hábito lector en Galicia
  • As accións definidas no documento ‘Lemos+’ teñen que ver co ámbito das bibliotecas, a implicación social, o eido educativo, o sector do libro e a participación
  • Algunhas das propostas céntranse en campañas divulgativas, deseño de plans locais de lectura, elaboración de guías, creación de audiolibros en galego ou en favorecer a diversidade de contidos e formatos
  • Co horizonte posto no 2030 desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude búscase que o 60% da poboación opte por ler libros no seu tempo libre polo menos unha vez á semana

 

O Goberno galego pon en marcha un plan que recolle os eixos e as liñas estratéxicas, con máis de cen medidas, a seguir nos vindeiros anos co propósito de mellorar os índices de lectura na Comunidade. O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace ao informe onde se presenta o marco de traballo definido no Plan de dinamización da lectura de Galicia  Lemos +. Unha folla de ruta, a primeira destas características que se desenvolve desde a Administración autonómica, que centra as súas accións no ámbito social e educativo, nas bibliotecas, no sector do libro e nos instrumentos de participación e investigación.

A iniciativa responde ao compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa lectura, como parte importante no eido cultural no senso de actuar como forma de acceso ao coñecemento e ferramenta básica para a socialización. Así, o documento leva tomando forma desde o 2018, cando se iniciaron os contactos para crear a Estratexia da Cultura Galega 2021 e se presentou unha primeira proposta para elaborar un plan deste tipo. É resultado, polo tanto, de anos de análise de datos, realización de estudos e  recepción de aportacións de distintas organizacións e entidades que se sumaron á diagnose da situación.

Deste xeito, o obxectivo principal que se busca coas actuacións definidas é o incremento dos hábitos lectores fomentando esta práctica, especialmente en lingua galega, e atendendo á diversidade social e cultural do territorio. Unha finalidade que ten no horizonte de 2030 conseguir que o 70% da poboación lea libros por ocio no seu tempo libre polo menos unha vez ao trimestre. Tamén se fixa chegar a un 60% de persoas que realicen esta acción como mínimo unha vez á semana. Outra das metas é que un 70% da sociedade lea libros en galego de maneira habitual ou ocasional.

A mellora destes índices tratará de acadarse mediante distintas accións encamiñadas á promoción, comunicación e dinamización. Ademais, a través desta planificación preténdese garantir a igualdade de acceso ao libro con feitos que favorezan a diversidade de contidos e formatos, que apoien o desenvolvemento de ferramentas para mellorar a utilización da información especializada e  o establecemento de plans de lectura no ámbito local.

A dinamización social e o papel das bibliotecas

O plan Lemos + fixa 24 liñas estratéxicas que engloban máis de cen accións estruturadas ao redor de cinco grandes bloques. Así, en canto á dinamización social da lectura un dos obxectivos é impulsar esta práctica como instrumento inclusivo e de supresión de barreiras, así como crear alianzas como unha rede de entidades locais. Neste senso proponse promover unha campaña divulgativa periódica para poñer en valor as razóns para ler, fomentar actividades en ludotecas, espazos de conciliación e centros sociais, potenciar o Club de Lectura de Galicia ou realizar accións para favorecer outras formas de ler (creación de libros e revistas dixitais en galego), ademais de apoiar a adaptación de libros noutras linguaxes como pictogramas ou braille.

No que respecta a reforzar o papel das bibliotecas como centros de dinamización cultural e lectora, o documento inclúe medidas como son potenciar a difusión de actividades nestes equipamentos, actualizar o programa Ler conta moito atendendo aos novos públicos, incrementar os fondos galegos en formato físico e dixital, facilitar encontros con creadores ou elaborar guías de lectura. Tamén contempla a creación de espazos accesibles e inclusivos e continuar mellorando o servizo de A Furgoteca, a biblioteca móbil de Galicia, ou a plataforma dixital GaliciaLe.

A educación, o sector do libro e os instrumentos de participación

No eido da educación recóllense actuacións relacionadas coas escolas infantís ou a mocidade universitaria, entre outras formacións. Apóstase así pola existencia de libros en galego axeitados para nenos e nenas de 0 a 3 anos nos centros para estas idades e a organización de propostas coas familias que impliquen lecturas compartidas, ademais de guías propias destinadas a este público. Impulsar a visibilidade e dinamización do libro galego nas bibliotecas universitarias ou potenciar unha programación ao redor da lectura nos centros de ensinanzas especiais e de capacitación profesional son outros dos eixos principais.

No que ten que ver co propio sector do libro, a estratexia encamiñase en consolidar a industria galega e implicar a todos os seus axentes (creadores, editoras, librarías, distribuidoras) no fomento do hábito lector. Algunhas das liñas definidas refírense a  incrementar o número de traducións de obras doutras linguas ao galego ou dar a coñecer os premios literarios de Galicia, ademais de convocar bolsas de creación para proxectos ou impulsar programas de residencias literarias e artísticas. Por outra banda, tamén pretende apoiar a presenza de editoras nas feiras profesionais e mercados internacionais e promover combinacións de literatura con música ou audiovisual.

Os instrumentos de participación, análise, investigación e innovación do ecosistema do libro en Galicia conforman outro dos puntos principais da folla de ruta do Goberno autonómico. Así, cobrará protagonismo o Consello Asesor do Libro e tamén se creará o Observatorio Galego da Lectura como ferramenta de apoio ás políticas públicas. Estudar os novos comportamentos en canto á lectura ou promover proxectos de investigación en colaboración con universidades ou outras institucións do ámbito da lingua e a cultura tamén figuran entre os puntos a destacar.

Hábitos lectores da poboación galega

En 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63,9% da poboación, por detrás de escoitar música (88,8%) e ver televisión (88,9%). Outro dos datos que se manexan na diagnose previa á elaboración deste plan é a porcentaxe total de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos, que se sitúa no 96,9% e alude ás persoas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.

No que se refire á lectura de libros, se atendemos unicamente a razóns de ocio, o 62,9% dos galegos le libros no seu tempo libre (é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo) polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2% dos lectores maiores de 14 anos len en galego  ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.

Comparte