Nova: ‘Atardecer no Gaiás’ programa dez concertos ao aire libre en agosto que arrancan con Branko e Amoebo
31/07/2024
‘Atardecer no Gaiás’ programa dez concertos ao aire libre en agosto que arrancan con Branko e Amoebo
O xoves 1 de agosto, o afamado DJ e produtor portugués Branko presenta en directo o disco ‘Soma’ para bailar e celebrar a diversidade das músicas portuguesas
Ao día seguinte, Amoebo toma a remuda cunha divertida proposta que reinterpreta a verbena galega a base de ritmos latinos e pop dos 80
As actuacións, enmarcadas no programa ‘CulturON’ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, serán na Praza central da Cidade da Cultura a partir das 21,00 horas con acceso libre e gratuíto
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024
O ciclo Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, segue en agosto con dez novas citas musicais para os xoves e venres do mes. Esta semana o público poderá gozar do directo do influínte DJ e produtor portugués Branko e do grupo galego Amoebo. Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás, con entrada libre e gratuíta.
Branko presentará o xoves 1 de agosto Soma, un disco que convocou a algúns dos mellores artistas de Portugal, como Dino D'Santiago, Carla Prata, Jéssica Pina ou Teresa Salgueiro —vocalista de Madredeus—, entre outros. Sumando todos eles (e algunha colaboración internacional como a do popular rapeiro Jay Prince), o que fora un dos fundadores de Buraka Som Sistema deu forma a doce temas de electrónica cálida, diversa e tremendamente bailable.
O venres 2 de agosto subirá ao escenario Amoebo, proposta de música urbana que roe nos ritmos latinos e o pop dos 80 para reinterpretar, sen complexos, a verbena galega. Un cóctel de festa e baile que aborda nas súas letras temas como o amor, o sexo e o día a día da xuventude e que promete non deixar a ninguén sentado no Gaiás.
Novos talentos e diversidade
Atardecer no Gaiás conta na súa programación de agosto con novos talentos como os galegos Alana —gañadores do certame Xuventude Crea 2023 na categoría de música—, a manchega Bewis de la Rosa e o grupo catalán Faneka, os madrileños Carrera Blanca ou o dúo arxentino-malagueño Cosmic Wacho. Un cartel no que conviven estilos diversos como a electrónica, o folk, a cumbia urbana, o indie, ou o electropop e que se completa con artistas de longo percorrido como ALARIDO e Santi Araújo desde Galicia, e Rocío Saiz desde Madrid.
O ciclo conta co apoio de Cervezas Alhambra e forma parte da campaña CulturON da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que impulsa máis de 30 actividades culturais diarias por toda Galicia.