Nova: Santiago Cortegoso obtén a III Bolsa de Dramaturxia do Centro Dramático Galego co proxecto ‘Santa Bárbara’

31/07/2024

Santiago Cortegoso obtén a III Bolsa de Dramaturxia do Centro Dramático Galego co proxecto ‘Santa Bárbara’

A Xunta e unha ducia de colectivos culturais colaboran nesta iniciativa de apoio á dramaturxia galega actual

A comisión de valoración destaca desta proposta a súa “gran orixinalidade e actualidade ao achegar dilemas sobre a guerra, a fabricación de armas, o ecoloxismo e as relacións familiares”

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2024

O proxecto Santa Bárbara, do autor, director e actor Santiago Cortegoso, é o gañador da terceira edición da Bolsa de Dramaturxia da Xunta de Galicia, iniciativa desenvolvida polo Centro Dramático Galego en colaboración cunha ducia de colectivos culturais co fin de seleccionar unha proposta de escrita dramática destinada a ser coproducida pola compañía pública.

A resolución desta convocatoria deuse a coñecer hoxe no Salón Teatro de Santiago, onde Cortegoso recibiu as felicitacións tanto dos directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, como dos representantes do resto de entidades implicadas neste programa de apoio á dramaturxia galega actual: Consello da Cultura Galega, Asociación Galega de Dramaturxia, Academia Galega de Teatro, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Asociación de Profesionais do Circo de Galicia, Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Escena Galega, Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, Federación Galega de Teatro Afeccionado, Revista Galega de Teatro e Unión Internacional de Marionetas (sección Galicia).

Contexto actual e diálogo interxeracional

Estes colectivos estiveron representados, así mesmo, na comisión de valoración encargada de seleccionar a proposta gañadora de entre as 35 recibidas a partir da convocatoria publicada o pasado mes de xuño. No seu ditame, sublíñase a “gran orixinalidade e actualidade” de Santa Bárbara ao achegar “dilemas sobre a guerra, a fabricación de armas, o ecoloxismo e as relacións familiares, co noso contexto actual e o diálogo interxeracional como liñas centrais do traballo”. Ao tempo, destácase o “forte compromiso político e social” do proxecto, que invita á reflexión.

Santa Bárbara é unha proposta sobre a Fábrica de Armas coruñesa do mesmo nome que arranca no ano do seu peche, en 2017, para contar a historia dunha filla e do seu pai, quen traballou na empresa desde os 17 anos ata alcanzar un posto de alta dirección nela. O conflito prodúcese cando a filla, na súa madurez, adquire uns valores políticos e sociais que chocan contra o que representa o seu pai.

Santiago Cortegoso conta cunha ampla e destacada traxectoria como autor e director escénico, ademais de como actor de teatro, cine e televisión. En 2010 funda xunto a Marián Bañobre a compañía Ibuprofeno Teatro, coa que teñen levado a escena unha decena de espectáculos e obtido diferentes premios e recoñecementos. Como dramaturgo, ten asinado máis de 20 textos teatrais, entre eles O charco de Ulises, versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico, que codirixiu con Marián Bañobre para o Centro Dramático Galego en 2021.

Como gañador da Bolsa de Dramaturxia da Xunta, contará cunha dotación de 6000 euros para a creación dun texto teatral a partir da proposta de Santa Bárbara, para o que dispón dun prazo de seis meses. A partir dese momento, abrirase unha nova convocatoria cara á selección da compañía que levará a escena esta obra en coprodución co Centro Dramático Galego.

Os proxectos gañadores das anteriores edicións foron Relato para un incendio, de Ernesto Is, que foi levado a escena xunto á compañía aAntena, e Bailar no ceo, de Ana Abad de Larriva, que deu lugar á coprodución con Xerpo.

Comparte