Nova: A Xunta pecha o programa anual de axudas ao audiovisual galego cunha liña de 300.000 euros para a preprodución de longas e series

01/08/2024

A Xunta pecha o programa anual de axudas ao audiovisual galego cunha liña de 300.000 euros para a preprodución de longas e series

Publícanse hoxe as bases das subvencións ao desenvolvemento de proxectos, que as produtoras independentes poden solicitar ata o 2 de setembro

Trátase da novena e última das convocatorias de subvencións destinadas ao sector este ano 2024, que suman preto de 6,7 M€ para apoiar as distintas fases do proceso audiovisual

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, ás que destina unha dotación de 300.000 euros. Trátase da novena e última das convocatorias ao abeiro do programa anual de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao sector, que mediante estas liñas é destinatario de 6,7 millóns de euros para dar cobertura a todo o proceso audiovisual: desde a escrita de guións, o impulso ao talento e os traballos de preprodución, ata a produción e rodaxe, pasando polo labor das salas de cinema e os festivais, e a promoción do noso cinema en foros de negocio e mostras internacionais.

En concreto, as subvencións convocadas hoxe teñen como obxecto o apoio ás tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais. Están dirixidas especificamente a produtoras audiovisuais independentes, que poden solicitalas a partir de mañá e ata o vindeiro 2 de setembro.

Segundo as bases, a fase de desenvolvemento refírese a todos aqueles traballos anteriores á rodaxe e relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación ou elaboración de materiais promocionais, entre outros aspectos.

Ata o 100 % do orzamento subvencionable

As bases establecen unha porcentaxe de axuda de ata o 100 % do orzamento subvencionable, cun límite de 30.000 euros para os proxectos de longametraxes de animación e de series de ficción e animación, 25.000 euros para as longas de ficción e de 20.000 euros e 15.000 euros paras as series e longametraxes documentais, respectivamente.

Como requisitos, as produtoras solicitantes deben ter cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da convocatoria, así como un acordo ou precontrato de dirección e/ou guión para a realización das tarefas de desenvolvemento.

Para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, establécese un baremo de valoración que primará a promoción do novo talento e da igualdade no ámbito da creación galega, a autoría novel, a solvencia da produtora ou impacto do proxecto no sector audiovisual galego. Tamén se terán en conta outros aspectos como a orixinalidade da proposta, a súa calidade e  a traxectoria do equipo proposto.

Comparte