Nova: A Xunta colabora con 46 proxectos na edición de materiais didácticos en galego

10/08/2024

A Xunta colabora con 46 proxectos na edición de materiais didácticos en galego

Na convocatoria, dotada con 200.000€, inclúense catro empresas editoras que teñen sede en Galicia

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia destina 200.000€ a colaborar con 46 proxectos na edición en lingua galega de recursos didácticos para niveis non universitarios este 2024. Así se recolle na resolución da convocatoria na que se inclúen catro empresas editoras con sede en Galicia.

O obxectivo desta convocatoria, dirixida ás empresas do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado, así como favorecer o tecido da industria editorial galega. O importe concedido a cada proxecto vai dende os 1.300 euros podendo chegar ata un máximo de 5.600 euros.

O prazo para xustificar as subvencións concedidas remata o día 30 de setembro de 2024. Deste xeito, as entidades e persoas beneficiarias das axudas deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Lingua, un exemplar da obra editada ou, no caso de publicacións electrónicas, a clave de acceso a estas; unha certificación de tiraxe que, no caso dos formatos electrónicos, expresará o número de licenzas que se comercializaron, e a acreditación da existencia do correspondente depósito legal. A resolución completa con toda a información pode consultarse tamén no Portal da Lingua Galega.

Comparte