Nova: Patrimonio Cultural autoriza a implantación de medios mecánicos de transporte peonil no Paseo de Granada de Vigo
10/08/2024
Patrimonio Cultural autoriza a implantación de medios mecánicos de transporte peonil no Paseo de Granada de Vigo
A Dirección Xeral comunica ao Concello o informe favorable para a reforma do tramo que conecta a rúa Pracer coa avenida das Camelias
A resolución indica que deberá realizar un control arqueolóxico das remocións de terra no treito suxeito a cautela
Vigo, 10 de agosto de 2024
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre o proxecto para a implantación de medios mecánicos de transporte peatonal no Paseo de Granada en Vigo.
O departamento autonómico responde así á administración local sobre o expediente do proxecto que ten por obxecto a humanización do tramo que conecta a rúa Pracer coa avenida das Camelias. O informe indica como condicións que cómpre realizar un control arqueolóxico das remocións de terra no treito suxeito a cautela arqueolóxica.
“No tramo mais setentrional das obras (aproximadamente sector da rúa Pracer) o control arqueolóxico será especialmente exhaustivo. Os movementos de terra deberán ser executados baixo as directrices do director/a da intervención arqueolóxica”, apunta Patrimonio Cultural na súa resolución.
Así, sinala que en función dos resultados do control poderían requirirse actuacións arqueolóxicas complementarias (sondaxes, mecánicas ou manuais, escavación en área, ...). Tamén explica que antes do inicio dos traballos, o promotor deberá presentar o correspondente proxecto arqueolóxico, asinado por técnico competente, para a súa autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.