Nova: A exposición do Gaiás ‘Unha vida viquinga’ acada 15.000 visitas no primeiro mes de apertura ao público

15/08/2024

A exposición do Gaiás ‘Unha vida viquinga’ acada 15.000 visitas no primeiro mes de apertura ao público

Preto de 600 persoas ao día achéganse á Cidade da Cultura de Galicia para descubrir pezas arqueolóxicas e históricas únicas chegadas de Suecia, Dinamarca ou Francia

A elevada demanda fai que se completen as tres quendas de visitas comentadas que se programan a diario

A mostra consolídase como unha das principais citas culturais do verán en Galicia

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2024

A exposición Unha vida viquinga recibiu preto de 15.000 visitas no primeiro mes de apertura, o que supón que cada día unha media de 600 persoas se achega ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia para descubrir a que xa é unha das principais citas da axenda cultural do verán.

A elevada demanda provocou que, nestas primeira semanas, se cubrise a práctica totalidade das prazas nas tres quendas diarias de visitas comentadas que programou o Servizo de Educación do Museo, visitas que se ofrecen de balde.

Inaugurada o 12 de xullo e comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos, Irene García Losquiño, Unha vida viquinga é unha das maiores mostras realizadas en España sobre esta cultura, unha proposta desenvolvida en colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.

O relato da exposición artéllase ao redor dos períodos vitais dunha persoa durante a Era Viquinga e trata, entre outras cuestións, as diferentes campañas de exploración, incursións ou relacións comerciais que se estableceron en diferentes puntos de Europa, entre os que Galicia ten un protagonismo especial.

Encadrada na programación de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o CulturON, a exposición inclúe pezas históricas e arqueolóxicas únicas, moitas delas nunca antes exhibidas en España, audiovisuais desenvolvidos polo premiado debuxante galego David Rubín e mesmo unha recreación a tamaño real dunha embarcación viquinga de máis de 17 metros de lonxitude, deseñada polo estudio galego Cenlitros.

Comparte