Nova: López Campos anuncia que a Xunta terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival de dinamización da cultura no rural
20/08/2024
López Campos anuncia que a Xunta terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival de dinamización da cultura no rural
Destaca que se trata dunha “potente ferramenta” que terá un “importante impacto” para “favorecer o acceso universal á cultura”
Adianta que nas vindeiras semanas se celebrarán xuntanzas con distintas institucións, asociacións, fundacións e demais axentes implicados
Pon en valor que se trata dunha medida que vai en consonancia cos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesible impulsada polo departamento que dirixe
O Grove (Pontevedra), 20 de agosto de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta terá lista “despois do verán” a orde de creación da Rede Adival de dinamización cultural no rural de Galicia, “un proxecto que chegará a todo o territorio e no que ninguén quedará fóra deste circuíto, independentemente do seu lugar de residencia ou idade”.
Así o adiantou tras asistir no municipio pontevedrés do Grove á obra Travesía Unicornio, de Teatro Ghazafelhos, incluída na programación de Cultura no Camiño. Este programa forma parte da campaña do CulturON coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está a ofrecer este verán uns 30 espectáculos diarios de diferente tipoloxía e para todos os públicos en máis de 200 concellos.
O responsable de Cultura do Goberno galego puxo en valor o “importante impacto cultural” que suporá a Rede Adival para a poboación que vive fóra das áreas urbanas. Deste xeito, erixiuna como unha “potente ferramenta” para facilitarlle aos habitantes do rural acceso a este tipo de programacións, á vez que permitirá que se lle incremente a oferta para que poidan participar en actividades culturais, “o que supón un pulo significativo para a democratización cultural en todo o territorio galego”, salientou.
“Potente ferramenta” para favorecer o acceso universal á cultural
Neste senso, o conselleiro enxalzou o feito de que a Rede Adival procura “favorecer o acceso universal á cultura” e fixo fincapé en que “xorde en consonancia” coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia que está en tramitación no Parlamento galego. En todo caso, lembrou que xa desde seu departamento se está a traballar co rural, en referencia á campaña CulturON.
López Campos tamén avanzou que, nun horizonte máis amplo, se vai procurar ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas de Galicia “e garantir que conten cunha programación regular”. Ademais, apuntou que se van impulsar proxectos “que axuden a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que procura promover o turismo cultural no rural galego”.
Entidades sen ánimo de lucro
O máximo representante de Cultura da Xunta precisou que coa publicación do documento quedará definido o organigrama dunha Rede, “que se concibe como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro”. Deste xeito, indicou que incluirá un réxime no que se unirán e os dereitos e deberes dos integrantes, así como os procedementos de traballo, que tamén quedarán recollidos no texto. Precisamente, celebrou que, a estas alturas, xa existen entidades “que teñen amosado o seu interese para formar da rede Adival”.
En todo caso, explicou que se van fixar xuntanzas de carácter interno e externo “de cara á divulgación desta proposta para o seu coñecemento en todo o territorio”. A estas reunións estarán convocadas institucións como o Consello da Cultura Galega ou Afundación, así como xestores e industrias culturais, equipamentos museísticos, federacións, asociacións e fundacións, entre outros axentes.
Liñas de actuación
A posta en marcha da iniciativa persegue ampliar a oferta cultural en todo o territorio, ademais de favorecer a diversidade de propostas e o intercambio rural-urbano. Así, entre as súas liñas de actuación figura o deseño dunha programación cultural propia, na que se contemple a itinerancia de ciclos polas entidades adheridas.
Tamén quedarán estipuladas as subvencións ás que terán acceso os integrantes, así como un servizo de asesoramento e un plan de formación. A elaboración dun programa de mediación que axude aos participantes na Rede na composición das súas actividades, tendo en conta os seus recursos e públicos, é outra das vantaxes das que se beneficiarán.