Nova: A segunda xeración da aceleradora musical da Xunta ‘Sonemerxente’ amosa o seu talento esta fin de semana no Festival de la Luz

23/08/2024

A segunda xeración da aceleradora musical da Xunta ‘Sonemerxente’ amosa o seu talento esta fin de semana no Festival de la Luz

As 12 bandas e artistas desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, contan cun escenario propio no evento de Boimorto

Javier Lago, Verter GZ, Marián, French Riviera, Futuro Alcalde, Amoebo e Habló Pablo actúan mañá sábado, mentres que Abril, Eris Mackenzie, Candela Liste, Filloas e Catuxa Salom farano o domingo

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2024

O Festival de la Luz, que arranca hoxe en Boimorto, conta por segundo ano consecutivo cun escenario dedicado a amosar o novo talento musical galego da man de Sonemerxente, a aceleradora de proxectos musicais que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolve en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. Por este espazo pasarán entre mañá e o domingo as 12 bandas e artistas que participan na segunda xeira desta iniciativa, a través da que a Xunta de Galicia busca facilitar o despegue de carreiras musicais con especial potencial de proxección.

En concreto, o sábado tocarán Javier Lago, Verter GZ, Marián, French Riviera, Futuro Alcalde, Amoebo e Habló Pablo, mentres que o domingo será a quenda de Abril, Eris Mackenzie, Candela Liste, Filloas e Catuxa Salom.

Estes 12 proxectos súmanse ao amplo cartel do evento, que este ano reúne máis de 40 grupos entre os que se atopan Luz Casal, artífice do festival que se celebra cada agosto na súa parroquia natal, Mago de Oz, Elliot Murphy, Fillas de Cassandra ou Ortiga. O encontro volve contar co apoio da Xunta para esta nova edición, que ofrece ademais un amplo abano de actividades relacionadas coa gastronomía, a artesanía e a promoción de prácticas sostibles, entre outras.

Coas actuacións no Festival de la Luz, a segunda xeración de Sonemerxente encara a recta final da súa participación na aceleradora, no marco da que está a vivir unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas. A primeira delas consistiu nunha serie de consultarías individualizadas e grupais co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio.

Agora atópanse xa na segunda fase, centrada na promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos, festivais e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas.

Comparte