Nova: A Xunta reivindica a dinamización do rural a través da cultura co apoio a iniciativas como o Festival dos Eidos

24/08/2024

A Xunta reivindica a dinamización do rural a través da cultura co apoio a iniciativas como o Festival dos Eidos

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na novena edición deste encontro multidisciplinar, que se desenvolve ata o domingo na sede da Fundación Uxío Novoneyra en Folgoso do Courel

Lembra que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival para favorecer o acceso universal á cultura en todo o territorio galego

Folgoso do Courel (Lugo), 24 de agosto de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor esta mañá o “importante impacto” que teñen as actividades culturais como axentes dinamizadoras do rural. Fíxoo durante a súa participación na novena edición do Festival dos Eidos, que se está a celebrar na aldea de Parada, no municipio lucense de Folgoso do Courel, onde reivindicou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, “que crean e fortalecen a comunidade nestas contornas”.

Precisamente, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival de dinamización no rural de Galicia, “unha potente ferramenta para favorecer o acceso universal a cultura na procura de que ningunha persoa, por mor da súa residencia ou idade, quede fóra deste tipo de programación”.

Deste xeito, Anxo M. Lorenzo explicou que con esta rede se vai ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas de Galicia para garantir que conten cunha programación regular. Nesta liña, defendeu o apoio que o departamento de Cultura do Goberno galego está a dar a proxectos que axudan a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que promover o turismo cultural galego, como é o caso do Festival dos Eidos.

Neste senso, apuntou o feito de que, un ano máis, a Fundación Uxío Novoneyra celebra este encontro multidisciplinar, que ten a poesía como fío condutor, co apoio económico da Xunta de Galicia, para desenvolver, desde o pasado venres e ata o domingo, unha programación en diferentes puntos desta aldea lucense do Courel.

Ademais, salientou que, con esta colaboración, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma o Festival dos Eidos á axenda do CulturON, programación que está a ofrecer durante esta época de estío uns 30 espectáculos por día en máis de 200 concellos.

Programación da edición de 2024

A IX Edición do Festival dos Eidos comezou o pasado venres, 23 de agosto, coa apertura da exposición Romance de Manuel de Ribadaira, de Manuel González Allere, e continuou cun acto homenaxe ao poeta Carlos Oroza. A xornada proseguiu coa presentación da Enciclopedia perplexidade, unha antoloxía da obra poética de Antón Reixa na que participou o autor e tamén o poeta Xabier Cordal. A programación completouse co espectáculo Verba estirpe de Leo Matamá, e cos concertos de Dúbida e Familia Caamagno.



Xa hoxe sábado se están a celebrar rutas ornitolóxicas pola contorna da aldea de Parada, guiadas polo biólogo Xavier Vázquez Pumariño, ao que se lle suman o coloquio entre Antón Lopo e María Sánchez e o espectáculo musical e poético Kennebec, de Iria Piñeiro e Mónica Nut. Pola tarde, está previsto o recital de Luz Pichel, Isaac Xubín e Brenda Alborada xunto a André Tecedeiro. Seguiralle e o espectáculo musical Popsía de Fran Amil. Serán o artista Iván Torres co recital Alta montaña e a sesión de DJ Tristón os que  clausuren a segunda xornada.

Mañá domingo farase un percorrido guiado pola arquitectura tradicional da man de Xosé Allegue e continuarase coa presentación dunha nova edición de Os eidos de Uxío Novoneyra, publicado por vez primeira en 1955. O programa pecharase co espectáculo Literatura afinada e coa actuación do músico Sergio Canay.

Comparte