Nova: O pop de Santi Araújo e de Rocío Saiz pechan o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ tras recibir máis de 5.000 asistentes

28/08/2024

O pop de Santi Araújo e de Rocío Saiz pechan o ciclo ‘Atardecer no Gaiás’ tras recibir máis de 5.000 asistentes

O galego presenta o xoves 29 na Cidade da Cultura o seu disco, ‘Canciones para bailar’, no que mestura indie pop alegre con aires de bossanova, folk e psicodelia

O venres 30 será quenda do electropop da madrileña Rocío Saiz nun dos últimos concertos da súa xira ‘Autoboicot y descanso’

Ambas actuacións serán ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás con entrada libre e gratuíta

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024

O pop, nas súas vertentes indie e electrónica, será o xénero protagonista dos derradeiros concertos de Atardecer no Gaiás, ciclo de actuacións gratuítas ao aire libre promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura. O galego Santi Araújo e a madrileña Rocío Saiz poñen o ramo a unha edición caracterizada pola diversidade de estilos e a combinación de talento novo e veteranía.

O cantante e compositor de Ponteareas subirá o xoves 29 de agosto ao escenario da Praza central do Gaiás para presentar en directo o seu segundo traballo en solitario, Canciones para bailar. Un disco alegre no que se atreve a introducir ritmos da bossanova, o folk e a psicodelia sen perder a súa identidade pop e incluso experimenta cos sampler para permitirnos gozar do saxofón de Emilio José e da batería do moi querido Jaime Mateo (Os Amigos dos Músicos), falecido en 2021.

O electropop de Rocío Saiz pechará Atardecer no Gaiás o venres 30 de agosto na recta final da súa xira de presentación do álbum Autoboicot y descanso, posiblemente unha das últimas oportunidades para ver á madrileña na súa faceta musical durante un tempo. A actriz, cantante e activista convida a unha viaxe por todo un conxunto de emocións, feridas e promesas de estar mellor que toman forma en once temas inspirados na música dos 80 e en artistas como Robyn, Meat Loaf, Belinda Carlisle e Ludovico Einaudi.

Máis de 5.000 persoas gozaron xa dos concertos da décimo cuarta edición de Atardecer no Gaiás os xoves e venres de xullo e agosto. O cartel, que incluíu un total de dezaseis actuacións, promove a descuberta de novos talentos cun foco especial en Galicia. Ata sete artistas do país actuaron no ciclo —De Ninghures, Flow do toxo, A Pedreira, Amoebo, Alana, ALARIDO e Santi Araújo— como mostra da efervescencia do panorama musical galego.

Atardecer no Gaiás forma parte das actividades da campaña CulturON coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude programa máis de 30 actividades culturais diarias por toda Galicia, e conta tamén co apoio de Cervezas Alhambra.

Comparte