Nova: A caixa de correos virtual do Teatro Fraga recibe preto dun cento de propostas na súa primeira semana
30/08/2024
A caixa de correos virtual do Teatro Fraga recibe preto dun cento de propostas na súa primeira semana
A campaña ‘O mellor espazo busco o mellor contido’ da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continuará en funcionamento ata finais de setembro
Ao enderezo propostas@teatrofraga.gal están a chegar suxestións de usos culturais, tanto de carácter transversal e xenérico como proxectos máis concretos
As ideas proveñen de entidades culturais e particulares, sobre todo do ámbito de Vigo, que tamén poñen en valor a recuperación deste espazo emblemático
A iniciativa completarase con xuntanzas con diferentes colectivos e representantes do tecido cultural
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2024
A caixa de correos virtual activada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para recoller propostas, ideas e suxestións que permitan enriquecer o plan de usos do Teatro Fraga de Vigo ten recibido xa preto dun cento de propostas na súa primeira semana en funcionamento. Trátase dunha iniciativa que continuará en funcionamento ata finais de mes ao abeiro da campaña O mellor espazo busca o mellor contido.
Así, o obxectivo desta proposta é incorporar as demandas da cidadanía e do amplo tecido cultural para construír con eles un espazo referente non só para a cidade, senón para Galicia e o norte de España. Deste xeito, tanto particulares como entidades culturais axudan a enriquecer o plan de usos deste emblemático da cidade olívica a través da caixa de correos virtual propostas@teatrofraga.gal que entrou en funcionamento o pasado venres.
Desde o departamento de Cultura do Goberno galego valórase o éxito da iniciativa xa que, transcorrida unha semana da súa apertura, xa se recibiron preto dun cento de propostas con contidos que teñen tanto carácter transversal e xenérico, como achegas que debullan e presenta máis polo miúdo proxectos culturais.
De igual xeito, cómpre salientar que neste envío de suxestións as entidade e persoas participantes poñen en valor que se vaia recuperar este espazo emblemático e icónico para a cidade. Precisamente, a maior parte de propostas de uso recibidas, ata o momento, proveñen da cidade e da área metropolitana.
Con esta campaña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Deputación de Pontevedra buscan escoitar a todos os vigueses e viguesas para levar a cabo unha reflexión colectiva sobre o futuro e as oportunidades que se abren coa reapertura deste recurso cultural de gran potencial, como son o fortalecemento da industria, o impulso á creación ou o pulo á oferta cultural.
Ademais da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, este proceso de diálogo coa cidadanía inclúe a celebración de diversas xuntanzas presenciais con colectivos e representantes do sector cultural e a veciñanza nas que recoller as súas demandas e debater as propostas achegadas a través do enderezo electrónico.
Compromiso do Goberno galego con Vigo
O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época. O proxecto conta con máis de 7.000 metros cadrados, nos que se prevé aproveitar ao máximo as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha variada programación que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.
A recuperación do Teatro Fraga é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como se está facendo na antiga Audiencia Provincial coas obras do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.