Nova: A Xunta promove unha nova fase de investigación no xacemento de Corro dos Mouros, en Lugo

03/09/2024

A Xunta promove unha nova fase de investigación no xacemento de Corro dos Mouros, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, asistiu esta mañá ao inicio da prospección xeofísica con xeorradar que permitirá mellorar a delimitación e o contexto inmediato do xacemento

Lugo, 3 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o xacemento de Corro dos Mouros, en Santa María Madalena de Adai (Lugo), onde hoxe se iniciou unha nova fase de actuacións coa realización dunha prospección xeofísica, co fin de mellorar a delimitación e o contexto inmediato do xacemento, ademais de achegar información de interese para a planificación dos futuros traballos de escavación.

As actuacións previstas nesta segunda fase da campaña de 2024 inclúen unha prospección con xeorradar, nunha superficie máxima de 1.200 m2, e unha prospección magnética con gradiómetro, nunha superficie estimada de 6.000 m2. Tanto o xeorradar como o gradiómetro son técnicas non invasivas que permiten a medición das propiedades do subsolo desde a superficie, creándose mapas e produtos de rexistro que describen a súa composición e que poden detectar, cun alto grado de fiabilidade, os posibles restos arqueolóxicos alí soterrados, sen necesidade de escavar.

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) levan a cabo un traballo conxunto de investigación sobre o xacemento de Corro dos Mouros, unha estrutura singular cuxa construción corresponde ao final da Idade de Bronce.

Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo “roda”,  que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 m –de norte a sur- e 30 m -de leste a oeste-, e unhas dimensións externas ao redor dos 52 metros de diámetro.

Este tipo de xacemento está nunha fase incipiente de investigación en Galicia, xa que a día de hoxe só hai 13 investigados e outros 50 detectados. Os estudos existentes, aínda preliminares, consideran que poderían ter unha funcionalidade funerario-ritual xa que no interior dalgún deles se localizaron unha serie de enterramentos en fosa, aínda que existe outra liña de investigación que interpretan este tipo de sitios como de uso habitacional e doméstico, como posibles proto castros do Bronce Final. 

 

Comparte