Nova: O CGAC clausura a exposición ‘Lamazares, inda é día (1973-2023)’ tras recibir máis de 30.000 visitas

03/09/2024

O CGAC clausura a exposición ‘Lamazares, inda é día (1973-2023)’ tras recibir máis de 30.000 visitas

A mostra foi inaugurada o pasado 23 de febreiro e ofrecía unha completa homenaxe a unha das figuras más destacadas do panorama artístico de Galicia

Pese a que a súa clausura estaba prevista para o mes de maio, decidiuse ampliar a súa estancia no museo polo interese suscitado no público

Comisariada por Antonio Gonçalves, a retrospectiva reuniu arredor de 230 obras dunha selección de traballos desenvolvidos en varios países

Santiago de Compostela, 3 de setembro 2024

A exposición Lamazares. Inda é día (1973-2023) vén de finalizar a súa estancia no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) tras recibir un total de 31.664 visitas. Trátase dunha mostra que foi inaugurada o pasado 23 de febreiro e que ofrecía unha completa homenaxe a unha das figuras máis destacadas do panorama artístico en Galicia. 

Pese a ter prevista a súa clausura no pasado mes de maio, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decidiuse ampliar o período expositivo debido o grande interese espertado na sociedade. Isto fixo posible que máis de 11.000 persoas puidesen gozar da obra de Antón Lamazares  entre xuño, xullo e agosto. 

A retrospectiva que o CGAC ofreceu ao público neste tempo supuxo a máis ampla visión da traxectoria artística e a linguaxe pictórica do pintor lalinense, resultado dunha laboriosa investigación sobre a viaxe persoal e artística de Lamazares. Comisariada por Antonio Gonçalves, reuniu arredor de 230 obras seleccionadas de traballos desenvolvidos ao longo de 50 anos co fin de exhibir a sabedoría e fondura intelectual do autor nas súas distintas etapas.

Como resultado, as pezas recompiladas no centro permitiron mergullarse en medio século de dedicación, investigación e traballo para achegarnos a unha das figuras máis senlleiras do contexto artístico de Galicia e de España e examinar as diferentes transformacións que experimentou a súa técnica e a súa estética ao longo da súa traxectoria. 

Comparte