Nova: López Campos enxalza o traballo artesán na mostra ‘O lega-do Ángel. Arte e oficio en Compostela’
06/09/2024
López Campos enxalza o traballo artesán na mostra ‘O lega-do Ángel. Arte e oficio en Compostela’
A Xunta colabora coa exposición que pode visitarse no Colexio de Fonseca e que reune pezas da Xoiaría Ángel, realizadas nos seus talleres de Santiago, Ourense e Vigo
Ademais, tamén se pode contemplar unha heteroxénea colección de obxectos conservados ao longo de varias xeracións da familia rexente deste establecemento
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca “a oportunidade de descubrir pezas de gran valor que nos achegan a novos coñecementos da arte e o patrimonio”
Santiago de Compostela, 5 de setembro 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou esta mañá a exposición O legado Ángel. Arte e oficio en Compostela, que acolle o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago ata finais de mes e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
No seu percorrido, o representante de cultura do Goberno galego destacou que a mostra supón “unha oportunidade para a descuberta de pezas de gran valor froito do traballo artesán, oficio para o que esta iniciativa resulta tamén un recoñecemento”. Así, nas vitrinas do Salón Artesoado de Fonseca recompílase por primeira vez unha selección de obras realizadas pola Xoiaría Ángel nos seus talleres de Santiago, Ourense e Vigo desde os anos trinta do século pasado, ata o 2003. Trátase de creacións en ouro, prata, esmalte ou marfil, esencialmente ligadas ao ámbito litúrxico.
Neste senso, López Campos resaltou “a calidade artística e o valor histórico destas obras que nalgúns casos non están accesibles ao público e que permiten recuperar e documentar para a sociedade un conxunto de ourivería de gran relevancia cultural”. Ademais, enxalzou a “paixón persoal pola conservación de obxectos cargados de simbolismo transmitida de xeración en xeración nunha familia, grazas á que podemos achegarnos hoxe en día a novos coñecementos sobre a arte e o patrimonio”.
De feito, a proposta conta cunha sección conformada polo legado da familia compostelá rexente da Xoiería Ángel, que durante tres xeracións conservou unha ampla e heteroxénea colección de materiais arqueolóxicos, decorativos, artísticos e funcionais de diferentes épocas, a gran maioría deles, vinculados á cidade de Santiago. Desta maneira, exhíbese xoiería, ourivaría, artes decorativo-suntuarias, esculturas ou publicacións.