Nova: O Salón Teatro exhibe o último da escena universitaria galega

24/04/2015

O Salón Teatro exhibe o último da escena universitaria galega

O espazo compostelán acollerá a partir do luns 27 un total de nove dos 15 espectáculos seleccionados para a décimo sexta edición deste encontro, que se desenvolverá tamén na sala Roberto Vidal Bolaño

As funcións no escenario do CDG, programadas para as 20.00 horas, son de entrada gratuíta previa recollida dos convites no despacho de billetes
 

Santiago, 24 de abril de 2015.- O Salón Teatro, espazo escénico do Centro Dramático Galego en Santiago, acollerá do luns 27 de abril ao mércores 6 de maio as últimas propostas de nove compañías universitarias galegas como unha das sedes da XVI Mostra de Teatro Universitario de Galicia, que organiza a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ademais dos nove espectáculos que se exhibirán na sede da compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta nova entrega da mostra ofrecerá outras seis montaxes na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño, completando un programa que se estenderá ata o 13 de maio para ofrecer unha ampla panorámica do último da escena universitaria galega.

Así, para a edición deste ano seleccionáronse os traballos preparados durante este curso académico por 11 formacións do campus compostelán da USC, outra do campus de Lugo, dúas da Universidade da Coruña e unha do campus ourensán da Universidade de Vigo.

Programa
No Salón Teatro, Tolemia será a encargada de abrir esta carteleira o luns 27 coa obra ‘Un, dous, tres’, do húngaro Ferenc Molnar. O mércores 29 será a quenda da compañía Grosso coa creación colectiva ‘3016’, á que seguirán as representacións de ‘Mousike e as Kronomusas, de Félix Álvarez Rodríguez, por Vacaloura (xoves 30); e ‘Vilar de Inferno’, de David Carrera Barciela, por Pinchacarneiro (venres 1 de maio).

Xa na fin de semana, este espazo acollerá o sábado a montaxe de Tik Tak ‘Mamarrat ou a estomacante decisión dun roedor’, de Gustavo G. Dieste, mentres que o domingo La Barata representará ‘Cinco horas con Iago’, con dramaturxia de Dani Bahamonde a partir de ‘Cinco horas con Mario’, de Miguel Delibes, e inspirado no filme ‘Función de noche’, de Josefina Molina.

A carteleira da XVI Mostra de Teatro Universitario de Galicia na sede do CDG completarase con ‘III’, unha versión libre do ‘Ricardo III’ de Shakespeare asinada por Fernando Dacosta para a Aula de Teatro de Ourense Maricastaña (luns 4); ‘Augusta’, obra de Carlos Losada que leva a escena a Aula de Teatro Normal da Universidade da Coruña (martes 5); e ‘Lear. De nada nada sae’, con dramaturxia de Paloma Lugilde a partir do ‘Rei Lear’ shakespeariano para a Compañía de Teatro da USC-Lugo (mércores 6).

Todos os espectáculos exhibidos no Salón Teatro dentro desta nova edición da mostra darán comezo ás 20.00 horas. As entradas serán de balde, previo paso polo despacho de billetes, que abrirá ao público dúas horas antes do comezo das representacións.

Comparte