Nova: López Campos enxalza a programación “de calidade e de prestixio” da nova tempada lírica da Coruña que conta co apoio da Xunta

08/09/2024

López Campos enxalza a programación “de calidade e de prestixio” da nova tempada lírica da Coruña que conta co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistirá esta tarde no Palacio da Ópera á representación de La Bohème de Giacomo Puccini, concerto que inaugura a 72ª edición

A Coruña, 8 de setembro 2024.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistirá esta tarde no Palacio da Ópera á representación de La Bohème de Giacomo Puccini. Esta  obra inaugura a 72ª tempada lírica da Coruña e reflicte, segundo enxalzou, “a programación de calidade e prestixio” que cada ano artella a Asociación Amigos de la Ópera da Coruña co apoio da Xunta de Galicia.

López Campos enmarcou esta colaboración na liña de promoción musical desenvolvida polo Goberno galego, que se estende a milleiros de citas por toda Galicia ben a través da súa organización directa, ben mediante o apoio a múltiples eventos para todo tipo de públicos e que este verán forman parte da campaña CulturON, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enche máis de 200 concellos con 30 propostas culturais. Neste senso, fixo fincapé na “diferenciación, identidade e relevancia” da programación que cada ano prepara Amigos de la Ópera, entidade decana das asociacións líricas españolas e referente dentro e fóra de Galicia na difusión deste ámbito musical.

A homenaxe a Puccini arranca este serán cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile. 

Comparte