Nova: Convócase o V Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura
25/04/2015
Convócase o V Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura
O Gaiás ábrelle as portas, do 7 ao 11 de setembro, a 70 artistas emerxentes e convídaos a reflexionar con nomes xa consolidados como Menchu Lamas, Damián Ucieda, Ana Laura Aláez, Aitor Saraiba e Enrique Marty
Esta edición contará coa presenza dun artista participante no EAN que se celebrará en Uruguai no mes de xuño grazas a unha bolsa da Asociación General de Autores daquel país
Os interesados deben mandar o seu proxecto antes do 3 de xullo e cubrir o formulario dispoñible en www.cidadedacultura.gal
Santiago, 25 de abril de 2015.- Ponse en marcha o ‘V Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura’, no que setenta creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater arredor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de experiencias con outros axentes culturais.
Dirixido a mozos nacidos entre 1980 e 1996 (ambos inclusive), o ‘V Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura’ terá lugar do 7 ao 11 de setembro e poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada na anterior edición, vinte das setenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto.
Ademais, esta quinta cita contará coa presenza dun dos artistas participantes no Encontro que se celebrará por primeira vez fóra do Gaiás: o EAN de Uruguai, que terá lugar en xuño. O participante será elixido de entre os 40 creadores que participen nesta primeira convocatoria en América Latina e viaxará a Galicia grazas a unha bolsa concedida pola Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).
O ‘Encontro de Artistas Novos’ volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor co obxectivo de apoiar o promover o seu labor creativo e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da consellería que dirixe Román Rodríguez: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e o benestar.
Encontros con artistas e “art followers”
A Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 7 ao 11 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.
Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o EAN favorecerá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea e proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios.
Deste xeito, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Menchu Lamas, Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba e Enrique Marty.
Xunto aos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian os novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Paula Cabaleiro, Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Carlos Copertone serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.
Intervención nas Torres Hejduk
Como xa vén sendo habitual, este ‘V Encontro de Artistas Novos’ celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.
A maiores, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que un dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poida darlle renda solta á súa creatividade.
A metade das prazas, para artistas galegos
O ‘V Encontro de Artistas Novos’ convoca un total de setenta prazas, das que o 50% estarán destinadas aos solicitantes nacidos ou residentes en Galicia e o outro 50% aos solicitantes de procedencia estatal e internacional.
A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 7 de setembro ata o venres 11 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.
Solicitudes ata o 3 de xullo
Poden optar a unha praza todos os nados entre 1980 e 1996 que non participaran nas catro edicións anteriores. A convocatoria é aberta e poderán participar tanto estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como todos aqueles que mediante a documentación presentada demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, vinte das setenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán cumprir os mesmos requisitos que os emerxentes.
A solicitude deberá efectuarse antes das 15:00 horas do venres 3 de xullo xunto á documentación requerida: boletín de suscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, curriculum vitae abreviado (máximo unha folla), dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas) e un resumo (máximo unha folla) da presentación a realizar no Foro ao mail encontro@cidadedacultura.org.
O nome dos seleccionados darase a coñecer o xoves 23 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 31 de xullo. As bases completas do ‘V Encontro de Artistas Novos’ poden consultarse e baixarse en www.cidadedacultura.gal, así como o boletín de suscrición.