Nova: Os cineastas galegos César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentan en setembro os seus documentais na filmoteca de Galicia

10/09/2024

Os cineastas galegos César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentan en setembro os seus documentais na filmoteca de Galicia

A cinemateca da Xunta abre temporada e retoma o ciclo arredor de Yasujirô Ozu, exhibindo as películas da súa primeira etapa

A finais de mes comeza a retrospectiva ‘Universo Agnès Varda’, dedicada á directora francesa e que se prolongará ata decembro 

A Coruña, 10 de setembro de 2024

A Filmoteca de Galicia inicia mañá a nova temporada de proxeccións 2024-2025 na súa Sala José Sellier da Coruña, que ao longo de setembro exhibirá os traballos máis recentes de tres cineastas galegos. César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentaranlle ao público as súas pezas documentais como parte dunha carteleira na que volverá a ser protagonista o realizador xaponés Yasujirô Ozu e recibirá a primeira entrega dunha ampla retrospectiva dedicada á directora francesa Agnès Varda, entre outras citas.

A sección Off Galicia programa o martes 17 de setembro A Foreign Song (2022), no que César Souto aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, e o venres 20 de setembro será a quenda dos filmes de Simón Casal The Gourougou Trial (2022) e Artificial Justice (2022), sobre a intelixencia artificial na administración, coincidindo coa película de ficción sobre esta mesma temática que o director galego lanza agora na gran pantalla.

Na xornada do xoves 26 de setembro, a Filmoteca de Galicia acolle a estrea de Dislexia: demasiados días desastrosos, de Jorge Algora, que pon o foco nos obstáculos que sofren os mozos e mozas con este trastorno de aprendizaxe, a partir da súa propia experiencia e a das persoas especialistas en diferentes ramas da saúde que os acompañan no proceso. A Sala José Sellier recibirá na Coruña os tres directores para presentar os seus traballos e manter un coloquio co público en sesións de entrada de balde.

No apartado Fóra de serie, a cinemateca retoma mañá mércores a súa programación coa proxección da película arxentina Puan, que non foi estreada nos cines da cidade, e a iraniana Los osos no existen (18 e 19 de setembro). O xoves 12 de setembro terá lugar a presentación do libro Iceberg Borau. La voz oculta de un cineasta, do historiador e crítico de cine Carlos F. Heredero, seguida do filme Leo, de José Luis Borau.

No marco do ciclo Materiais para unha historia do cine en Galicia, estrearase o 27 de setembro a dixitalización de Carmiña, flor de Galicia (1926) de Rino Lupo.

Yasujirô Ozu de 1932 a 1942

Co comezo do curso, a Filmoteca de Galicia continúa o ciclo arredor do cineasta xaponés Yasujirô Ozu, que tivo unha grande aceptación por parte do público antes do verán. Se naquela ocasión a programación se centrou na súa etapa de posguerra, agora porá o foco no período entre 1932 e 1942, a etapa na que Ozu conforma o seu estilo.

Setembro ofrece sete películas do director, sendo catro títulos da época muda: Historia de una hierba errante (11 e 13 de setembro), Fantasía pasajera (14 e 17 de setembro), He nacido, pero… (18 e 19 de setembro) e Un albergue en Tokio (20 e 21 de setembro).

Os outros tres son filmes realizados a partir de 1936, momento no que o cine sonoro se implantou no Xapón. El hijo único (24 e 25 de setembro), Hermanos y hermanas de la familia toda (26 e 27 de setembro) e Había un padre (28 de setembro e 1 de outubro) están consideradas entre as mellores películas da carreira de Ozu.

Retrospectiva sobre Agnès Varda

A finais de mes arrancará Universo Agnès Varda, unha retrospectiva que homenaxea a figura da fotógrafa e cineasta francesa que conseguiu coarse coa súa mirada feminista nun canon eminentemente masculino. A Filmoteca de Galicia programará ata o mes de decembro grande parte da súa filmografía, unha trintena de longametraxes e curtas, tanto documentais como de ficción.

Os días 24 e 25 de setembro poderán verse La Pointe-Courte, a súa primeira longametraxe, e Du côté de la côte, unha curta documental dos seus inicios. Este ciclo supón un avance da liña temática que seguirá a Filmoteca de Galicia nos vindeiros meses, cunha programación centrada nas mulleres directoras e na perspectiva de xénero no cinema.

Comparte