Nova: Sarabela Teatro estrea ‘A cincenta que non quería comer perdices’ co apoio da Xunta á creación escénica
10/09/2024
Sarabela Teatro estrea ‘A cincenta que non quería comer perdices’ co apoio da Xunta á creación escénica
O espectáculo estréase o 19 de setembro no Teatro Principal de Ourense no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun pase para escolares o día anterior
A obra busca desmontar os falsos mitos do amor romántico a partir da historia escrita por Nunila López Salamero con dramaturxia e dirección de Fina Calleja
Ourense, 10 de setembro de 2024
Sarabela Teatro estrea co apoio da Xunta o próximo 19 de setembro no Teatro Principal de Ourense o seu novo espectáculo, A cincenta que non quería comer perdices, co que a compañía adapta o texto publicado pola narradora Nunila López Salamero xunto á artista plástica Myriam Cameros Sierra. O Goberno galego contribuíu á súa produción a través da convocatoria anual de subvencións para creación escénica de 2024 e cofinancia adicionalmente a función inaugural no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun pase previo para escolares o mércores 18 de setembro.
Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acompañou o equipo artístico na presentación aos medios deste novo proxecto no escenario ourensán. Sutil lembrou que a nova montaxe de Sarabela é, ademais, unha das nove estreas teatrais subvencionadas pola Xunta de Galicia no inicio da nova temporada nos escenarios galegos ao abeiro da liña de axudas á produción de espectáculos, coa que o Goberno galego distribúe preto de 800.000 euros entre 27 compañías.
A cita enmárcase no circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 42 entidades locais asociadas, que achegará un total de 552 actuacións a 42 concellos galegos nestes últimos meses do ano, cifras que, segundo o responsable de Industrias Culturais, sitúan esta carteleira “como referente na programación cultural en Galicia”.
Desmontando o mito do amor romántico
Na súa intervención, tamén se referiu a Sarabela como unha das máis destacadas compañías do panorama teatral galego “pola calidade dos seus proxectos, pero tamén pola variedade de formatos e rexistros que asume nun repertorio que non fai máis que medrar e chegar a máis xente”.
Sutil cualificou A cincenta que non quería comer perdices como unha das citas importantes da nova temporada teatral, “por abordar temas sociais que nos interpelan como sociedade desde o humor e cunha montaxe elaborada e estimulante”. Celebrou a escolla desta historia na que se cuestionan os contos tradicionais, a visión idealizada do amor romántico e a división de roles por sexo, e felicitou a Sarabela porque un dos seus obxectivos sexa “achegar esta proposta aos centros de ensino, para promover a igualdade de xénero entre a mocidade e previr condutas de violencia machista, fomentando as relacións afectivas sas e responsables”. Neste sentido, valorou de xeito positivo a contribución da peza á creación de novos públicos a través dunha linguaxe fresca e satírica que pretende enganchar co público adolescente.
En escena unha versión moderna dun conto clásico
O espectáculo pon en escena o conto escrito por Nunila López Salamero xunto coa artista plástica Myriam Cameros Sierra a petición dun grupo de mulleres vítimas de malos tratos. Publicado pola editorial Planeta en 2009 con prólogo de Maruja Torres, recibiu o Premio Racimo ese mesmo ano.
A cincenta que non quería comer perdices é un conto moderno que revisa con humor o papel que xogaron na historia os relatos de fadas nos que se acaba por promover o rol das nenas como entes pasivos que se limitan a agardar a que lles pidan a man. Así, o texto presenta unha moza perdida que pouco a pouco irá desmontando as historias de princesas liberadas por príncipes azuis que, en moitos casos, saen ras.
Nesta peza, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo actúan sobre as táboas baixo a dirección de Fina Calleja, responsable da dramaturxia xunto a Nate Borrajo. Sarabela asina como colectivo o deseño de vestiario e para o da escenografía conta co equipo de Amenosde7metros e as imaxes e soportes audiovisuais creados por Iris Blanco. Complétase con Renata Codda Fons na creación do espazo sonoro, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, e Rut Balbís na coreografía.