Nova: Javier Arias participa na inauguración da mostra ‘Os traballos de Hércules’, que se pode ver en Lugo ata o 6 de outubro
10/09/2024
Javier Arias participa na inauguración da mostra ‘Os traballos de Hércules’, que se pode ver en Lugo ata o 6 de outubro
Lugo, 10 de setembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na presentación da exposición ‘Os traballos de Hércules’ organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Trátase dun proxecto itinerante enmarcado na celebración do 175 aniversario da Real Academia de Belas Artes que reúne 16 gravados orixinais pertencentes á colección da institución.
As obras expostas foron copiadas da serie de pinturas ao fresco que o artista italiano Luca Giordano realizou no século XVIII nunha das salas do Palacio do Bo Retiro de Madrid baixo o encargo de Carlos II. Entre as aventuras de Hércules que se representan nas pezas aparece a lenda co xigante Xerión ao que venceu na Coruña, triunfo en honor ao que se construíu a famosa Torre herculina.
O delegado territorial felicitou á Real Academia Galega de Belas Artes pola conmemoración do seu aniversario e gabou a iniciativa de achegar a arte á poboación amosando, co apoio da Xunta de Galicia, as pezas da súa colección en distintos espazos culturais da comunidade. En Lugo, a mostra pódese visitar no Museo Provincial ata o vindeiro 6 de outubro.